Ourense:A Deputación aproba os orzamentos de 2018, de máis de 80 millóns

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria de hoxe, correspondente ao mes de setembro, celebrada no Pazo Provincial, o orzamento xeral do ente provincial para o exercicio 2018, que ascende a un total de 80.707.000 euros, e tamén o orzamento do Inorde para o 2018, que ascende a 1.936.714 euros e o do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento (4.168.028 euros).

A corporación provincial tamén aprobou o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2021 da Deputación Provincial de Ourense, que contempla medidas para alcanzar a igualdade total entre mulleres e homes en tódolos ámbitos, así como eliminar a discriminación por razón de sexo, sendo unha ferramenta dinámica e flexible. Ademais representa o compromiso da Deputación de Ourense coa igualdade para cos seus traballadores e implica a participación de tódalas áreas da institución no desenvolvemento e execución do I PIOMH de forma coordinada.

Así mesmo, na sesión plenaria aprobouse a realización dun estudo e seguimento do estado dos principais produtos cultivados no noso territorio e a incidencia que a treboada tivo na súa produción, a causa dos danos causados polo pedrazo no pasado mes de agosto. Neste sentido, aprobouse instar á Xunta, ao Ministerio de Agricultura e demais administracións, para que establezan as medidas e mecanismos necesarios, facendo campañas para concienciar sobre a necesidade da contratación dos seguros agrarios, así como solicitar da Xunta unha diferenciación clara polos feitos ocorridos nos últimos días, unha liña de axudas para paliar os danos ocasionados e solicitar a tramitación como Zona de Emerxencia das distintas areas afectadas.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

CONTA XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE, INORDE, CONSORCIO PROVINCIAL DO SERVIZO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO E CONSORCIO DE AUGAS DE VALDEORRAS CORRESPONDENTE A 2016

Acordo:

1º.- Emitir informe favorable á conta xeral do exercicio 2016, conforme co establecido no artigo 212.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co seguinte detalle:

Primeiro.- Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense do exercicio 2016, da que se obteñen os seguintes datos:

Resultado orzamentario axustado: 18.022.879,58 €

Remanente de tesourería para gastos xerais: 22.428.129,18 €

Balance de situación: 2.658.321.509,95 €

Resultado económico patrimonial: -38.368.533,14 €

Segundo: Conta Xeral do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico do exercicio 2016, da que se obteñen os seguintes datos:

Resultado orzamentario axustado: 103.697,21 €

Remanente de tesourería para gastos xerais: 369.873,52 €

Balance de situación: 17.364.194,91 €

Resultado económico patrimonial: 26.807,83 €

Terceiro.- Conta Xeral do Consorcio provincial de servizo contra incendios e salvamento do exercicio 2016, da que se obteñen os seguintes datos:

Resultado orzamentario axustado: 1.377.964,03 €

Remanente de tesourería para gastos xerais: 2.694.562,33 €

Balance de situación: 9.913.116,06 €

Resultado económico patrimonial: 2.597.235,76 €

Cuarto.- Conta Xeral do Consorcio de augas de Valdeorras do exercicio 2016, da que se obteñen os seguintes datos:

Resultado orzamentario axustado: -1.657,79 €

Remanente de tesourería para gastos xerais: -273.591,88 €

Balance de situación: 1.063.565,51 €

Resultado económico patrimonial: -46.785,56 €

Quinto.- Corrección de erro material na conta xeral da Deputación Provincial de Ourense do exercicio 2015, de forma que onde di:

Primeiro.- Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense do exercicio 2015, da que se obteñen os seguintes datos:

Remanente de tesourería para gastos xerais: 26.726.742,37 €

Balance de situación: 2.699.579,62 €

Debe dicir:

Remanente de tesourería para gastos xerais: 26.726.781,54 €

Balance de situación: 2.699.579.520,62 €

2º.- Que a Conta xeral co presente informe sexa exposta ao público por prazo de quince días, durante os cales e oito máis, segundo o previsto no artigo 212.3 da LRFL, os interesados poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. En caso de que non se formulen, someterase ao Pleno da Corporación sen necesidade de novo informe.

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 2/2017 DO ORZAMENTO DO INORDE

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos n.º 2/2017 do orzamento do INORDE, para o exercicio 2017, co seguinte detalle:

SUPLEMENTOS DE CRÉDITO

ESTADO DE GASTOS

APLICACIÓN DENOMINACIÓN IMPORTE

42211/101.00 Retribucións xerente 579,93 €

42211/130.00 Retribucións básicas persoal laboral fixo 1.710,07 €

42211/130.02 Outras remuneracións persoal laboral fixo 2.343,49 €

42211/131.00 Retribucións básicas persoal laboral temporal 566,34 €

42211/131.01 Outras remuneracións persoal laboral temporal 980,20 €

42211/160.00 Seguridade Social 2.039,41 €

42211/227.10 Gastos diversos feiras e exposicións 10.996,67 €

Total 19.216,11 €

RECURSOS UTILIZADOS

ESTADO DE INGRESOS

CONCEPTO DENOMINACIÓN IMPORTE

870.00 Remanente de tesourería para gastos xerais 19.216,11 €

Total 19.216,11 €

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público tralo anuncio no BOP, por quince (15) días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE RAIRIZ DE VEIGA EN MATERIA DE RECADACIÓN EXECUTIVA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Rairiz de Veiga ten atribuídas en materia de recadación executiva de todos os ingresos de dereito público e en especial taxas, prezos públicos, sancións e calquera outro ingreso dese carácter, sen exceptuar ningún deles.

Todo isto ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito Concello do día 31 de xullo de 2017. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia e terá efectos a partir do 1 de outubro de 2017.

ORZAMENTO XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA O EXERCICIO 2018

Acordo:

1º.- Aprobar o orzamento xeral da Deputación provincial de Ourense para o ano 2018, co detalle que figura nos resumos seguintes:

ENTIDADE LOCAL.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 31.798.524,56 €

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 18.923.476,00 €

Capítulo 3.- Gastos financeiros 17.962,75 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 13.213.768,95 €

Capítulo 5.- Fondo de continxencia 10.000,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 14.610.872,47 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 663.528,20 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

Capítulo 9.- Pasivos financeiros 1.168.867,07 €

TOTAL GASTOS 80.707.000,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 1.- Impostos directos 4.605.000,00 €

Capítulo 2.- Impostos indirectos 4.030.000,00 €

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 4.458.461,13€

Capítulo 4.- Transferencias correntes 66.182.047,37 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais 219.511,75€

Capítulo 6.- Alleamento de investimentos reais 21.000,00 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 890.979,75 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

TOTAL INGRESOS 80.707.000,00 €

INORDE.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 933.911,70 €

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 423.320,90 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 499.500,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 79.981,40 €

TOTAL GASTOS 1.936.714,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 12.020,00 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 1.860.920,00 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais 12.824,00 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 50.950,00 €

TOTAL INGRESOS 1.936.714,00 €

CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA O SERVIZO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 116.920,00 €

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 3.679.008,70 €

Capítulo 3.- Gastos financeiros 500,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 371.600,00 €

TOTAL GASTOS 4.168.028,70 €

Estado de ingresos

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 18.500,00 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 4.149.528,70€

TOTAL INGRESOS 4.168.028,70 €

2º.- Aprobar as Bases de Execución do Orzamento Xeral, segundo figuran no expediente.

3º.- Aprobar os cadros de persoal, que se dividen en persoal funcionario, laboral e eventual, de acordo co art.126 do Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real Decreto lexislativo 781/1986.

4º.- De acordo co art. 169 da LRFL, o orzamento xeral será exposto ó público, previo anuncio no boletín oficial da provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalos e presentar reclamacións ante o Pleno. O orzamento considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DO CADRO DE PERSOAL E DA CLASIFICACIÓN E PROVISIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

Acordo:

1ª) Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza provincial reguladora dos cadros de persoal e da clasificación e provisión de postos de traballo da Deputación Provincial de Ourense, no seguinte sentido:

A) Modifícase o artigo 7.3 da Ordenanza, que queda redactado como segue:

«As prazas estrutúranse en grupos de clasificación, conforme ao previsto no Estatuto básico do empregado público»

B) Suprímese o apartado 2 do artigo 15.

C) Dáse nova redacción ao artigo 26, quedando redactado nos seguintes termos:

«1. O proxecto de Relación de Postos de Traballo será formado pola Presidencia, e someterase a consulta e negociación cos representantes dos empregados públicos provinciais conforme ao previsto no artigo 27.

2. Concluída a negociación do proxecto, a Relación de Postos de Traballo será obxecto de aprobación conforme ao seguinte procedemento:

a) Aprobación inicial por parte do Pleno

b) Información pública, por prazo non inferior a 20 días hábiles, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia.

c) Resolución de alegacións e aprobación definitiva por parte do Pleno. En caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente aprobada de forma definitiva.

3. A Relación de Postos de Traballo será de aplicación a partir do día seguinte ao da publicación no BOP da súa memoria xustificativa e das determinacións sobre clasificación e valoración dos postos. Sen prexuízo disto, as determinacións da Relación poderán aplicarse de forma retroactiva cando se dean os requisitos previstos na lexislación de procedemento administrativo común.

Para estes efectos, non será necesario publicar o organigrama nin as fichas individualizadas de cada posto, que non obstante estará dispoñibles para a súa consulta no portal de transparencia da Deputación Provincial.

A publicación no Portal de Transparencia da Deputación Provincial do documento íntegro da Relación de Postos de Traballo (incluíndo o organigrama e as fichas individualizadas), terá carácter preceptivo e deberá realizarse ó día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia da memoria xustificativa e das determinacións sobre a clasificación e valoración de postos.

Adicionalmente á publicación no Portal de Transparencia da documentación integrante da Relación de Postos de Traballo deberá estar igualmente dispoñible no mesmo prazo na sede electrónica da Deputación Provincial nunha sección específica do taboleiro de anuncios electrónico dedicada a anuncios e informacións en materia de emprego público na que se publicarán igualmente todos os anuncios e informacións relativas á selección e xestión de recursos humanos da Deputación Provincial.

4. A Relación de Postos de Traballo terá vixencia indefinida ata a súa modificación, sen prexuízo da aplicación das actualizacións retributivas non determinadas pola clasificación e valoración dos postos, dentro dos límites que estableza anualmente a Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

5. A modificación da Relación esixirá os mesmos trámites que a súa aprobación.

6.- No caso de que a modificación da Relación de Postos de Traballo inclúa cambios de adscrición de postos ou modificación dos ditos postos que impliquen cambio de municipio de desempeño, a modificación precisará do consentimento expreso do titular do posto, salvo que a dita modificación se prevese nun plan de ordenación de recursos humanos, cos límites establecidos na lexislación vixente neste último caso.

D) Suprímense os artigos 28, 31, 32 e 33 da Ordenanza.

2º) Someter este acordo a información pública por período de trinta días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial de Provincia, para a presentación de alegacións, reclamacións ou suxestións que, se é o caso, serán resoltas polo Pleno. No suposto de non presentarse alegacións, o acordo de aprobación inicial entenderase automaticamente elevado a definitivo.

RESOLUCIÓN DOS RECURSOS INTERPOSTOS POLO COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS DE TELECOMUNICACIÓNS

Acordo:

1º) Estimar parcialmente o recurso de reposición interposto polo Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación contra o acordo do Pleno da Deputación Provincial de Ourense do 31 de marzo de 2017 (BOP n.º 104, do 8 de maio de 2017) polo que se aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017, exclusivamente no sentido de modifica-la denominación das categorías profesionais ás que están reservados os postos de traballo de técnico de desenvolvemento de proxectos informáticos da Área de Benestar (para o que se require a categoría de enxeñeiro superior en informática ou enxeñeiro especialista en informática), e de coordinador técnico do Servizo de Administración Electrónica e técnico en desenvolvemento de proxectos informáticos e novas tecnoloxías do Servizo de Administración Electrónica (para os que se require a categoría de enxeñeiro superior en informática). En virtude desta estimación, as ditas categorías pasarán a denominarse no sucesivo como segue:

a) Enxeñeiro superior informático: pasa a denominarse «técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información»

b) Enxeñeiro especialista informático: pasa a denominarse «técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información»

A eficacia da estimación parcial do recurso entenderase referida ó momento da publicación da aprobación definitiva do Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017 a que se refire o apartado 4º dese acordo.

Desestímase o recurso en todo o demais, polos motivos sinalados no informe de Secretaría Xeral do 22 de agosto de 2017.

2º) Desestima-lo recurso de reposición interposto polo Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación contra o acordo do Pleno da Deputación Provincial de Ourense do 28 de abril de 2017 (BOP n.º 136, do 15 de xuño de 2017) polo que se acordou a modificación da Relación de Postos de Traballo da Deputación para o exercicio 2017, polos motivos sinalados no informe de Secretaría Xeral do 22 de agosto de 2017.

3º) Notificarlle esta resolución ó interesado, con copia do informe de Secretaría Xeral que lle serve de motivación, entendéndose incorporado como anexo ó texto desta resolución, ó abeiro do establecido no artigo 88.6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4º) Aprobar inicialmente a modificación do Plan de ordenación de recursos humanos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017, modificando a denominación das categorías de enxeñeiro superior informático e enxeñeiro especialista informático, que pasarán a denominarse, respectivamente, como técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información.

Este acordo de modificación do Plan someterase a información pública e audiencia ós interesados polo prazo de trinta días hábiles mediante anuncio que se publicará no BOP de Ourense. No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial, procedéndose á súa publicación para a súa entrada en vigor. En caso de formularse alegacións, estas serán resoltas expresamente polo Pleno da Deputación.

PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2018

Acordo:

1.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2018.

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2018.

Estrutura do Plan Provincial de Cooperación 2018. Distribución dos investimentos por concellos.

1. O Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais para o exercicio 2018 comprenderá as seguintes clases de investimentos:

– Investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación Provincial.

– Investimentos en obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, modificada por Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local.

2. O Plan Provincial 2018, tanto no apartado da rede viaria provincial como no relativo ás obras municipais (neste caso ata o importe máximo establecido para cada termo municipal nestas bases) financiarase na súa integridade pola Deputación Provincial de Ourense, resultando en consecuencia o seguinte cadro básico de financiamento:

Obras municipais:

• Deputación Provincial: 100 %

Obras da Rede Viaria Provincial:

• Deputación Provincial: 100 %

3. Non obstante, no caso das obras municipais, os concellos voluntariamente poderán efectuar achegas adicionais para o financiamento das obras, alterándose automaticamente o cadro de financiamento neses supostos. Doutra banda, incluiranse igualmente no Plan Provincial, todas aquelas obras para as que os concellos soliciten a súa inclusión, dotadas de financiamento exclusivamente municipal ou procedente doutras administracións públicas, para os efectos de obter a declaración de utilidade pública de cara a posibilitar a obtención de terreos mediante expropiación forzosa.

A distribución do investimento prevista no Plan Provincial 2018 é a seguinte:

a. Investimento total previsto na Rede Viaria Provincial: 2.000.000,00 €

Achega da Deputación á RVP (100%): 2.000.000,00 €

b. Investimento total previsto en obras municipais (incluída a Entidade Local Menor de Berán): 4.716.000,00 €, dos cales 4.440.000,00 € destinados á execución material das obras e 276.000,00 € destinados a servizos complementarios á execución das obras.

Subvención Deputación obras municipais (100,00 %): 4.716.000,00 €,

A distribución territorial por concellos do investimento en obras municipais efectuarase mediante a asignación a cada concello da provincia dunha cota alícuota de investimento subvencionado, resultando un investimento por termo municipal de 51.000,00 €; da dita cantidade, 48.000,00 € destinaranse ao financiamento dos contratos de execución material das obras e 3.000,00 € ao financiamento dos contratos de servizos complementarios á execución das obras (con especial consideración das asistencias técnicas para a redacción de proxectos, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das actuacións).

O investimento con cargo a fondos provinciais asignado a cada concello poderá dedicarse a unha ou varias obras, a elección dos concellos, podendo supoñer o seu financiamento íntegro ou parcial, sempre e cando as obras correspondan a competencias municipais.

Sen prexuízo do anterior, e tal e como se sinala no apartado 3, poderán incluírse investimentos de contía superior á achega provincial, correspondentes á mesma obra ou obras subvencionadas ou a outras obras, sempre e cando o concello achegue o financiamento complementario preciso.

No plan poderanse incluír obras adicionais para a utilización de remanentes producidos por anulación de obras. As ditas obras deben cumprir os requisitos necesarios para seren incluídas no Plan segundo o establecido nesta base.

Os remanentes das achegas provinciais obtidos por baixas na adxudicación das obras (tanto municipais como da rede viaria provincial), destinaranse na súa integridade ao financiamento de obras da rede viaria provincial; os remanentes das achegas municipais, de se-lo caso, reintegraránselle ao concello respectivo.

Co fin de garantir o dereito dos municipios á participación na elaboración do Plan, estes poderán formular solicitudes para a inclusión de obras. As ditas solicitudes serán aceptadas obrigatoriamente pola Deputación Provincial, sempre que se formulen en tempo e forma e as obras reúnan os requisitos establecidos na base 2ª.

As solicitudes deberán dirixírselle ao presidente da Deputación e deberán ter entrada no rexistro electrónico xeral da Deputación ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas ata o 30 de novembro de 2017 inclusive. Este prazo terá carácter improrrogable. A falta de formulación da solicitude en prazo dará lugar á perda do dereito á participación no Plan Provincial.

A entidade local menor de Berán, nos mesmos termos fixados nas bases anteriores para os concellos, poderá beneficiarse dunha achega provincial por importe de 24.000,00 € con destino a investimentos en servizos da súa competencia ou, de ser o caso, á amortización de operacións de crédito concertadas en exercicios anteriores ou ao financiamento de gasto corrente da entidade previa a xustificación de atoparse incursa en situación de insuficiencia financeira manifesta.

2º.- Someter a trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, as bases inicialmente aprobadas polo prazo de 10 días hábiles, durante os cales as entidades interesadas poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que deberán ser resoltas motivadamente no acto de aprobación definitiva.

No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente aprobado de forma definitiva, procedendo á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS EN MATERIA DE EMPREGABILIDADE PARA O EXERCICIO 2018

Acordo:

1.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos Concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2018.

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de empregabilidade para o exercicio 2018.

A finalidade deste Programa é a contribución ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal e da entidade local menor de Berán posibilitando o complemento dos recursos humanos necesarios co dito fin, tanto a través das figuras contractuais propias da lexislación laboral como a través de contratos administrativos ou nomeamentos de persoal funcionario interino, de ser o caso, mediante a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o financiamento dos ditos contratos ou nomeamentos.

Beneficiarios.

1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade local menor de Berán, cando contraten persoal en réxime de dereito laboral, efectúen nomeamentos de persoal funcionario interino ou subscriban contratos administrativos, típicos ou especiais, con persoas físicas suxeitas ao réxime de autónomos, para a realización de actividades da súa competencia durante o exercicio 2018. Considéranse subvencionables as contratacións ou nomeamentos que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2018.

2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas contratacións ou nomeamentos, incluíndo gastos salariais e de Seguridade Social, así como os honorarios ou contraprestacións económicas por servizos profesionais prestados por autónomos.

A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 20.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos ou nomeamentos subvencionados. A subvención concedida á entidade local menor de Berán poderá acadar a contía máxima de 10.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos ou nomeamentos subvencionados.

Para as subvencións incluídas na presente convocatoria existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2018, por importe global máximo de 1.830.000,00 €, na aplicación 46207/24111

As solicitudes, subscritas polo alcalde ou representante legal interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como no Rexistro Xeral da Deputación Provincial, que mantén a súa operatividade ao abeiro do establecido na Disposición Final 7ª da devandita Lei 39/2015.

O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.

As solicitudes irán acompañadas dunha declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas pola entidade ou que lle fosen concedidas para o financiamento dos contratos ou nomeamentos para os que se solicita subvención.

Cada concello adherido disporá dunha axuda por importe de 20.000,00 €. A entidade local menor de Berán disporá dunha axuda por importe de 10.000,00 €. Esta subvención entenderase concedida, a tódolos efectos, polo mero acto de aprobación da adhesión.

Non obstante o anterior, a achega minorarase na contía que corresponda nos seguintes supostos:

Se o gasto efectivo do contrato ou nomeamento subvencionado fose inferior á dita cantidade.

Se as achegas doutras administracións públicas que financian a actuación exceden, en conxunto coa concedida pola Deputación, do 100% do custo da contratación ou nomeamento subvencionado.

A redución da contía das subvencións declarase na resolución da peza separada de xustificación da subvención.

Os remanentes que se produzan como consecuencia da aplicación das regras anteriores reintegraranse ás arcas provinciais, sen aumentar as achegas para percibir polos concellos beneficiarios.

2º.- Someter a trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, as bases inicialmente aprobadas polo prazo de 10 días hábiles, durante os cales os concellos interesados poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que deberán ser resoltas motivadamente no acto de aprobación definitiva.

No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente aprobado de forma definitiva, procedendo á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

I PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES 2017-2021

Acordo:

1º.- Aprobar o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2021 da Deputación Provincial de Ourense, conforme co texto proposto pola Comisión de Igualdade en data 19 de xullo de 2017.

2º.- Ordenar a súa publicación na sede electrónica da Deputación.

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza reguladora do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 137, de 13 de xuño de 2013).

2º) Someter a información pública e audiencia dos interesados o texto inicialmente aprobado, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia e no portal de transparencia da Deputación Provincial, durante o prazo de trinta días hábiles. Durante o dito prazo, as persoas e entidades interesadas poderán formular as alegacións e suxestións que consideren oportunas, que serán obxecto de resolución expresa por parte do Pleno da Deputación. En caso de non formularse alegacións ou suxestións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.

Unha vez aprobada definitivamente a modificación da ordenanza, deberá procederse á publicación do seu texto íntegro e consolidado no Boletín Oficial da Provincia e no portal de transparencia da Deputación.

ORDENANZA REGULADORA DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DE RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a ordenanza reguladora do servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos urbanos, da Deputación Provincial de Ourense.

2º.- Someter o expediente e a ordenanza a información pública e audiencia dos interesados polo prazo de 30 días hábiles contados dende a publicación de anuncio no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no Portal de Transparencia da Deputación Provincial de Ourense.

Durante o expresado prazo poderanse presentar as reclamacións e suxestións que se estime oportunas, que serán resoltas pola Corporación Provincial, coa aprobación definitiva, se é o caso. De non presentarse reclamacións ou suxestións entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial adoptado.

DANOS CAUSADOS POLO PEDRAZO NO MES DE AGOSTO NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

1º.- Facer un estudio e un seguimento a través do Instituto do Campo en contacto cos Consellos Reguladores, e demais asociacións e agrupacións agrarias do estado dos principais produtos cultivados no noso territorio e a incidencia que a treboada tivo na súa produción.

2º.- Instar a Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura e demais administracións, que no ámbito das súas competencias establezan as medidas e mecanismos necesarios, facendo campañas para concienciar sobre a necesidade da contratación dos seguros agrarios.

3º.- Solicitar a Xunta de Galicia unha diferenciación clara polos feitos ocorridos nos últimos días, unha liña de axudas para paliar os danos ocasionados e solicitar a tramitación como Zona de Emerxencia das distintas areas afectadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar