En branco

Quedou en branco e non puido dicir nada. Fora un estudante magnífico, é un profesional reputado, un lector incansable, un observador concienciudo e permanente, en fin, un home respectado, querido e incluso amado. Pero ese día, por motivos descoñecidos, quedouse en branco durante un curto (longo) período de tempo, sumido nun mar de miradas dos outros do faladoiro, dos seus discípulos e de todos os que nel crían. A súa memoria, sabíase, era de curto prazo, de medio e longo prazo, pero ese día fallou, a pesar tamén de saír sempre airoso das moitas probas ás que se sometía, cognitivas, de atención, de memoria e de autocontrol. O branco é así, daquela maneira, con ausencia de pensamento, con limpeza total.

Temos branco por todas partes e negro dabondo, na casa, no traballo, no local e no universal. Xa o dicía Pío Baroja, «a vida non é literatura e non escolle entre branco e negro». O que toca, toca, e que ninguén busque pelo branco no burro negro. En branco quedouse o presentador do programa e a situación enrareceuse en tódolos lugares onde había un televisor acendido. Desculpárono só os telespectadores atentos, que entenderon moi ben o que dicía ou, mellor dito, o que quería dicir.

Os outros, maioritariamente políticos preocupados e engaiolados con cuestións de interese xeral, como o referendo catalán, non lle perdoaron nada. Uns entenderon que o traballador televisivo era un españolista de mala raza e outros pensaron que era un catalá de raza mala. Vaia por Deus! Iso si, co cerebro do presentador en branco e a súa boca calada, o mundo estremeceu ao saber que as urnas, símbolo da expresión do pobo, están acubilladas en zulos e centos de policías trasladados e hospedados en transatlánticos de recreo, detrás da Barceloneta, seguen teimudos na súa procura, para destruílas xunto coas papeletas.

Quedouse en branco o articulista e parouse. Pensou e repensou, deulle voltas ao asunto, levantouse da mesa e sentouse novamente, estirou as pernas cos ollos pechados, volveu abrir os ollos e seguía vendo o papel en branco e a pantalla do ordenador en negro. Daquela deuse conta da similitude entre as dúas cores. Viu como o branco se converte inmediatamente en negro e o negro segue negro. Por iso, como di a Tía Manuela, «primeiro e máis seguro, en branco».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar