Ourense:Limpeza e restauración das Burgas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia financiará o 100% dos traballos de limpeza e restauración das Burgas (Burgas de Abaixo), segundo se establece nun convenio que asinará en próximos días o Concello de Ourense co Goberno Galego. O importe da achega do Executivo Autonómico será de 13.068 euros.

Este convenio xorde como froito da petición formulada polo alcalde, Jesús Vázquez, á Xunta de Galicia, toda vez que as fontes das Burgas de Abaixo precisan de traballos de limpeza e restauración, debido ao paso do tempo e ao desgaste da propia pedra pola propia auga. “Sendo como son as Burgas o gran emblema identitario e patrimonial de Ourense, é de agradecer a cooperación amosada polo Goberno Galego para contribuir a preservar este ben patrimonial”, sinala o alcalde ourensán.

Estes traballos de mellora no símbolo de Ourense súmanse aos xa efectuados pola Xunta de Galicia na Ponte Romana (onde se continuará coa segunda fase do proxecto de adecuación e mellora) e na Catedral de Ourense. Actuacións ambas que superan os 3 millóns de euros no seu conxunto. “Damos así un paso máis na conservación e preservación do patrimonio histórico e cultural da nosa cidade”, conclúe o alcalde, Jesús Vázquez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar