Santiago contará con pista de xeo este Nadal

 

A Xunta de Goberno aprobou o inicio do procedemento de licitación para a adxudicación da autorización da ocupación temporal da Alameda para a instalación da pista de patinaxe sobre xeo nas dúas próximas campañas de Nadal. Ao tempo, aprobouse o prego que rexerá a licitación, para a que se establece un canon mínimo de saída á alza de 2.000 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que os pregos sinalan que a pista de xeo estará instalada entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro, se ben lembrou que «é habitual ampliar despois eses prazos para satisfacer a enorme demanda que teñen estas instalacións». Ademais, indícase que a pista terá unha dimensión orientativa de entre 400 e 500 metros cadrados, e establécese un prezo máximo de entrada de 10 euros, IVE incluído.

Granxa do Xesto

A Xunta de Goberno tamén acordou declarar deserta a licitación da explotación da cafetería da Granxa do Xesto, que se reservara para centros especiais de emprego e empresas de inserción. O alcalde explicou que o Concello non descarta manter esta reserva e abrir un novo procedemento negociado, ou ben convocar un novo concurso aberto e sen reservas.

Uniformes da Policía

Por último, na Xunta de Goberno abriuse o procedemento para o subministro dos uniformes da Policía Local en catro lotes: prendas de confección a medida, complementos, calzado e prendas para a auga. En total, destinaranse case 100.000 euros á compra destes elementos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar