Conversa entre dous presidentes: «A política mereceu a pena»

O Partido Popular de Galicia ven de publicar o vídeo da conversa mantida entre o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de honra, Xerardo Fernández Albor.

Con motivo do centenario de Albor, Feijóo fíxolle unha visita na súa casa das aforas de Santiago de Compostela. Na súa conversa distendida e amistosa houbo tempo para abordar as lembranzas da vida política de Albor, asuntos de actualidade e mesmo para falar das expectativas coas que Feijóo afronta as vindeiras eleccións municipais.

Albor, quen afirmou que “a política mereceu a pena”, repasou con Feijóo o seu paso á política activa, a moción de censura que rematou co seu mandato ou o pouco coñecido episodio no que Jordi Pujol o citou en Barcelona para negociar a súa incorporación a Alianza Popular.

Apuntou ademais que o que lembra con máis cariño da súa etapa como primeiro presidente da Xunta é a creación da Televisión de Galicia. “É a mellor, e ademais nunca din que a fixen eu, son outros os que queren apuntar o tanto”.

Do mesmo xeito afirmou estar moi orgulloso da súa participación no proceso de reunificación de Alemaña como eurodeputado, unha época na que, segundo dixo, “xogueime a vida e sen sabelo, pois negociaba co que fora xefe da Stasi”.

No tocante ás vindeiras eleccións municipais foi Feijóo quen recoñeceu que no partido “estamos moi ilusionados” porque “aínda que hai moito traballo que facer” tamén “hai posibilidades de recuperar as deputacións e moitas cidades”.

Segundo aseverou Feijóo “se somos quen de acadar o mesmo nivel de voto que nas pasadas autonómicas teríamos maioría absoluta nas catro deputacións, en Santiago, Lugo, Ferrol e Ourense” aínda que recoñeceu que non é unha tarefa fácil, pois “cada día empeza con cero votos”.

En palabras de Feijóo Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e Pontevedra carecen de proxectos, polo que o obxectivo é lograr que a xente “volva coller a papeleta do PP” como xa fixo nas pasadas autonómicas.

Ao parecer de Albor, as Mareas de Podemos representan “unha marea”
polo que incidiu na importancia de que a xente sexa consciente do que
representa o comunismo.

Ilusionado coma sempre co proxecto popular e dando unha vez máis mostra da súa vocación de servizo, Albor puxo a súa axenda a disposición de Feijóo ofrecéndose a acompañalo aos seus mitins “sempre que poida”.

Por último Albor afirmou que “que te queira todo o mundo é unha sorte, incluso os de esquerdas”, algo que sucede, segundo dixo Feijóo, porque “ti xa es patrimonio dos galegos, de todos os galegos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar