Retorno como bolseiros de emigrantes de novas xeracións

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina a resolución publicada no DOG que resolve a convocatoria das primeiras ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa da Xunta, novidade deste ano, que busca atraer á Galicia a galegos residentes fóra con currículos brillantes.

As Bolsas facilitan o retorno e estudos de licenciados galegos residentes no Exterior para cursar másteres ofertados por algunha das tres universidades galegas, e ten ademais o obxectivo de fixar poboación nova na Galicia territorial, xerando emprego en sectores en expansión.

O programa, xestionado por Emigración, conta coa colaboración das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía, Emprego e Industria, así como as propias universidades galegas. A idea é atraer cada ano a galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

As e os beneficiarios desta iniciativa pioneira son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e acreditaron un mínimo de dous anos de residencia no Exterior. A bolsa ten un importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, e destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. O importe increméntase proporcionalmente no caso de másteres con maior número de créditos.

O secretario xeral da Emigración destaca que, con iniciativas coma esta, “Galicia comprométese coa súa mocidade do Exterior, porque tamén sabemos do seu compromiso para achegar coñecemento e experiencias ao avance da nosa terra. O futuro de Galicia, como o seu pasado, pasa polas dúas beiras do Atlántico”. Neste senso, salientou Miranda, “o feito de que 7 de cada 10 galegos do Exterior naceran xa na diáspora é para Galicia unha excelente oportunidade demográfica e unha avantaxe competitiva”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar