Lugo, ás portas do San Froilán

 

Lugo reloce dun xeito especial a principios de outubro. No inicio do outono, toda Galicia olla á cidade amurallada, que vive uns días especiais cos festexos do San Froilán, que terán lugar do 4 ao 12 do vindeiro mes de outubro. Para eses días, o Concello deseñou un completo programa de actividades para todos os públicos que presentaron este venres, na Praza de Santa María, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañadas do Deputado de Turismo, Eduardo Vidal. Ao acto tamén asistiu o impulsor do Sanfroidance, Álvaro Pardo, o músico Abraham Cupeiro, e representantes da compañía luguesa Achádego Teatro.
«O San Froilán fala de nós, e fala ben. Identifícanos dentro dunha tradición histórica e cultural e faino do mellor xeito posible, conxugándoa ao mesmo tempo coa modernidade», asegurou Lara Méndez na presentación destes festexos, ao tempo que destacou que se trata «dunha programación feita desde a base da ilusión, que reflexa as gañas de agradar e a vontade de recuperar a esencia dunha festa patronal, non só para os 98.134 veciños e veciñas de Lugo, a auténtica razón do San Froilán, senón para as moitas e moitos visitantes, que enchen as rúas de Lugo de ilusión e de esencia lúdica e festiva».
Nesta liña, a rexedora fixo fincapé na participación na organización destes festexos, dende a propia Comisión de Festas, coas aportacións dos distintos grupos políticos, así como achegas da cidadanía a través das redes sociais ou na propia rúa, «que fan que este sexa un programa enriquecedor».

 

DÍA DO CAMIÑO PRIMITIVO

O San Froilán 2017 componse de 9 días de celebración, unhas 200 actividades aptas para todos os públicos e idades, e toda a cidade entregada, «porque é así, coa implicación da veciñanza como se vive o San Froilán», tal e como subliñou Méndez.
Os festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, arrincarán o día 4, ás 18:00 horas, apostando por Lugo, coa actuación da escola de música da cidade, Fábrica de Sons. Ás 20:00 horas terá lugar o pregón de Marica Campo, «unha lucense de pro, que máis aló da súa vida profesional dedicada á docencia, é referente cultural de Lugo», segundo a definiu a rexedora.
Haberá actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, Os Pelúdez ou desfile de gando, pasarrúas e música en todos os barrios da cidade, verbenas todos os días con orquestras do panorama musical galego e concertos de distintos xéneros musicais. Nesta liña, Méndez deu a coñecer a actuación do galego Iván Ferreiro, que ofrecerá un concerto o sábado 7, ás 21:00 horas, na Praza Horta do Seminario, sumándose aos de Los Secretos, Edgar Bao ou Desakato, entre outros.
O Concello tamén institucionaliza neste 2017 o Día do Camiño Primitivo, que será o 11 de outubro. Como novidade, este ano celebrarse A Ruta dos Dereitos Humanos no Camiño, colocándose dúas placas, unha en Fontiñas e outra no centro museográfico de Porta Miñá, entrada e saída desta ruta de peregrinación ao seu paso pola cidade. Este acto estará acompañado pola música do gaiterio Simón Piñón. Nesta mesma data, celebrase, no cantiño Nemesio Cobreiros, demostracións de artesáns, con obradoiros e exposición de traxes tradicionais.
O Domingo das Mozas, como é de costume, terá lugar a ofrenda a Rosalía de Castro, por parte de Noemi Mazoy, «namorada de Lugo, e que ademais ten no seu haber esa faceta de actriz e cantante soprano», a mostra de música e do traxe tradicional e o concerto das bandas de Chantada e Merza e a Sociedade Filarmónica de Lugo, entre outra programación.
A Alcaldesa convidou a todo o pobo de Lugo e visitantes a facer cidade, apoiando «a nosa cultural e a nosa tradición, que forma parte de nós, para que siga latente como sinal de identidade e dun pobo», así como a saír a rúa, sentir e compartir estes festexos.
Pola súa banda, Carmen Basadre fixo un recorrido pola programación deste San Froilán, «moi galego, que recupera a nosa tradición e a nosa cultura». Nesta liña de tradición celebrarase unha nova edición de Gastroarte, o San Froilán Tecedeiro, o Festival da cultura, unha romaría; publicarase unha nova edición da colección do San Froilán dos Devanceiros e de A Letras das Festas. A maiores,, no Mercado Municipal e na Praza de Abastos haberá unha xornada gastronómica, Saborea o San Froilán, e convocarase un concurso de vídeo, cun premio de 1.500 euros. Así mesmo, a edil asegurou que todos os grupos, charangas ou artistas de Lugo que quixeron estar presentes nas nosas festas, forman parte deste San Froilán, «moi participativo, para todos os estilos e feminino», pois no cartel deste ano figuran as actuacións de Rosa Cedrón, Sés, Guadi Galego, Woyza ou De Vacas, entre outras. Para finalizar, a Concelleira agradeceu o esforzo do persoal da área de cultura, a implicación da cidadanía, e a colaboración de establecementos e patroncinadores.
As casetas do polbo abrirán o día 29 de setembro e ata o 1 de novembro, e o recinto feiral, ata o 15 de outubro. O sábado 14 e o domingo 15 é o Día dos Nenos e Nenas. A entrada a todos os carruseis será de 2 euros.
Para finalizar, Eduardo Vidal manifestou a aposta do Goberno da Deputación co desenvolvemento de distintas actividades na provincia que recuperan a tradición, como é o San Froilán. Concretamente, o organismo provincial sufragará o concerto do compositor Goran Bregovic, o día 4 a partir das 21:30 horas, na Praza Horta do Seminario.

 

PÚBLICO INFANTIL

Os nenos terán a súa programación lúdica festiva co San Froilán Miúdo, que conta cunhas 30 actividades. No aparcadoiro do seminario haberá obradoiros de instrumentos musicais, de arxila, actuacións de títeres, demostracións de xogos tradicionais, música, contacontos ou creación de bonecos.

Os maiores, «piar fundamental da sociedade lucense», como é de costume tamén terán un día especial, o luns 9 de outubro.

Prolongación dos buses urbanos
Os días 4, 7 e 11 de outubro, as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 9 e 12, as liñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias, dúas en Campos Novos, As Termas e rúa das Artes. Do mesmo xeito, haberá un servizo especial de bus que conectará estas zonas co recinto feiral, os días 4, 7 e 11, de 22:00 a 03:00 horas, e 5, 8 e 12, de 12:00 a 02:00 horas.

Alsa ofrecerá descontos dun 25% para as persoas que se acheguen a Lugo entre o 1 de setembro e o 17 de outubro.

Máis información destes festexos na web www.sanfroilan.info

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar