A lenda galega da droga

Seica predicou un crego: “Amadísimos fregreses, chegoume unha circular do señor bispo no que me di que somos a vila máis mal falada de España. Mecago en tal!. Temos que ser a primeira!”. Poderíamos extrapolar o conto ao conxunto de Galiza. Hai moitos teimando en ser os primeiros… Non importa en que. A min sempre me sorprendeu que algúns medios de comunicación, xornalistas, escritores, e xa non digamos forzas policiais e aínda dirixentes políticos, reclamen para Galiza a condición de paraíso do narcotráfico.
Entendo aos medios españois, pois xa sabemos como nos tratan. Entendo que as FOP e os políticos tamén se queiran apuntar tantos. Aínda tamén a xornalistas e escritores que procuraron nesta “especificidade galaica” un oco de mercado e de especialidade xornalística.

Xa non dou comprendido tanto a pertinaz perseveranza das empresas de comunicación. E non me serve aquí o seguideiro da axenda política madrileña. Non atopo outra explicación que a exclamación do crego: temos que ser os primeiros!.

Vén isto a conto porque no recente informe da Fiscalía Xeral danse datos sobre a droga incautada no Estado español no ano 2016.

Dos 372.901 quilos só o 3% foron incautados en Galiza. Un dato que unicamente foi resaltado por El Correo Gallego, mentres a maioría dos demais medios, non só non o levaron a titular, senón que o esqueceron. E aínda houbo quen afirmou, querendo resaltar a importancia do narcotráfico en Galiza e citando fontes oficiais, que se se incautaron 60 toneladas de cocaína, a droga que entrou foi dez veces máis. Querían dicir ambos, fontes oficiais e xornal, que as FOP non cumpren o seu cometido? Ou que os galegos somos moi bos nisto de burlar a lei? Nos outros lados cóllena toda? Esqueceron este ano, coma todos os anteriores, que hai outras zonas do estado nas que o narcotráfico é moito máis importante, comezando por Madrid onde viven moitos máis narcos (Pozuelo, Aravaca, La Moraleja…) que en Galiza. Os de aquí só son man de obra.

Pero vaiamos a números concretos: o 40% da droga incautada foino no eixo Cádiz/Alxeciras. En Málaga o 16% (na Costa do Sol viven e operan moitos dos maiores narcos do mundo, pero iso non se propaga). En Almería o 12% e en Murcia o 11%. Tamén a serie histórica nos mostra que se incautou tradicionalmente máis droga en Barcelona, Valencia ou Madrid que en Galiza.

Imos máis alá. As incautacións realizados no Estado español representan o 43% da que entra en Europa, pero a maioría da apresada aquí entra polos portos de Holanda e Bélxica, que son a maior portalaxe da droga a este continente, segundo un informe da ONU.

Nada, que a realidade non nos tape unha teima: temos que ser os primeiros! En algo.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar