Manuel Baltar defende en Santander a igualdade territorial de España

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe, nun curso de verán da prestixiosa Universidade Internacional Menéndez Pelayo, en Santander, “a solidariedade e igualdade territorial de España, coas deputacións como claves para a cooperación e o desenvolvemento local”. Baltar, na súa condición tamén de vicepresidente de Partenalia, a organización de gobernos locais intermedios de Europa, subliñou que os gobernos locais intermedios “son unha realidade plenamente asentada en Europa, con maiores competencias e con elección directa”. No marco desta prestixiosa institución académica, o presidente da Deputación de Ourense destacou “o papel fundamental dos gobernos locais interrmedios polo seu compromiso e acción de xestión, goberno aberto, cooperación e transparencia cos cidadáns e cos concellos”.

Manuel Baltar ofreceu a súa visión dos gobernos provinciais como cooperadores para o desenvolvemento dos pequenos e medianos municipios, así como as experiencias de éxito e os proxectos de innovación tecnolóxica, transparencia, internacionalización, promoción turística e participación cidadá, desenvolvidos pola Deputación nos plans “Ourense 92” e “Ourense 15-19”.

 

 

No seu relatorio, Baltar afirmou que as provincias “non son só circunscricións electorais” e subliñou “as importantes competencias municipais que asumen os gobernos provinciais nos ámbitos medioambiental, enerxético ou económico”, remarcando tamén as iniciativas nos ámbitos turístico, de emprego, internacionalización e apoio ao emprendemento.

O curso da Universidade Menéndez Pelayo celebrouse no Pazo da Magdalena da capital cántabra. Baixo o título: “O futuro da administración local e o papel dos gobernos locais intermedios” o seminario abordou desde unha perspectiva multidisciplinar, xurídica, administrativa, política, xeográfica e financeira a realidade dos gobernos locais intermedios, a súa xestión e os servizos que ofrecen a concellos e cidadáns, así como as súas perspectivas de futuro. Dirixido principalmente a cargos institucionais, técnicos e persoal ao servizos dos entes locais e do sector público local, así como a estudantes de Dereito, Economía, Xeografía e Política, o curso contou con relatorios por parte de xuristas como Germán Fernández Ferreres, Xavier Forcadell, Paloma Biglino e Luciano Parejo.

No ámbito político, Manuel Baltar analizou o papel dos gobernos provinciais, mentres que as outras perspectivas da xestión administrativa dos gobernos locais intermedios foron abordadas por catedráticos, profesores e altos cargos da administración provincial. “Trátase dunha oportunidade para divulgar, debater e seguir avanzando na excelencia da xestión e na mellora dos servizos que ofrecen os gobernos locais intermedios”, afirmou Manuel Baltar.

A Universidade Menéndez Pelayo imparte os seus prestixiosos cursos desde hai máis de 70 anos. A acción formativa na que participa nesta edición Manuel Baltar está organizada por esta universidade en colaboración coa Fundación Democracia e Goberno Local, que celebra os seus 15 anos de existencia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar