120 aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou  o decreto de nomeamento dos patróns da Fundación “Eduardo Blanco Amor”, coincidindo coa celebración do cento vinte aniversario do nacemento do autor de A Esmorga. Son os seguintes: Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, María Soledad Do Muiño Cid, Luís González Tosar, Bieito Iglesias Araujo, Carlos Laiño Lorenzo, Arturo Lezcano Fernández, Siro López Lorenzo, Acisclo Manzano Freire, Maribel Outeiriño Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez. En canto ás persoas xurídicas son: o Concello de Ourense representado polo seu alcalde, Jesús Vázquez Abad; a consellería de Cultura da Xunta de Galicia representada por Román Rodríguez González, e a Editorial Galaxia representada por Antón Vidal Andión. No vindeiro mes de outubro celebrarase un acto público para presentar ao padroado da fundación.

A Deputación de Ourense xa aprobara en 2016 os estatutos da Fundación Blanco Amor, co fin de levar a cabo actuacións que difundan a obra deste autor, a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, do xornalismo, das artes, abordados polo autor e polos investigadores da súa obra, entre outras liñas de actuación.  Nese senso, Manuel Baltar destacara “a vontade integradora coa que nace a fundación, para aglutinar esforzos e para afondar no estudo da figura deste intelectual e para que desde os diversos mundos blancoamorianos seus saberes brillen con intensidade e cheguen ás novas xeracións”.

 Para conmemorar os 120º aniversario do nacemento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense colabora co acto literario que organizan hoxe o Liceo de Ourense e o Centro-Pen Galicia, ao que asistirá o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, na sala de Tertulia do Liceo de Ourense. No acto, “Vixencia de Eduardo Blanco Amor, no 120 aniversario do seu nacemento” intervirán Maribel Outeiriño, Afonso V. Monxardín, Luís González Tosar e alumnos do I.E.S. Blanco Amor de Ourense.

 

Premio “Blanco-Amor”

 

Asemade, hoxe xoves, 14 de setembro, remata o prazo para presentar traballos á XXXVI edición do Premio “Blanco-Amor” de novela longa, coincidindo con cento vinte aniversario do nacemento de Eduardo Blanco-Amor. O premio estará dotado con 12.000 euros e unha obra escultórica. A súa entrega terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación o día 1 de decembro de 2017, trinta e oito cabodano do autor de A Esmorga.

 

A organización deste certame foi asumida pola Deputación de Ourense de xeito permanente desde o ano 2016, logo de ofrecerse Manuel Baltar, a que o ente provincial organizara a XXXIV edición do premio e continuar así co desenvolvemento das sucesivas convocatorias dun dos certames literarios de máis prestixio nas letras galegas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar