Santiago:Plan de emprego xuvenil para 300 mozos

.

A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases e o procedemento para a selección das persoas participantes no Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego. Trátase dun programa que se vai desenvolver no período 2017-2020, e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade de Santiago, a través da creación de itinerarios formativos profesionais.

O alcalde, Martiño Noriega, salientou que este plan «é moi ambicioso, tanto polo seu orzamento polo número de mozos e mozas que se poderán beneficiar del». O programa ofertará 323 prazas, das que 227 serán para mulleres. Ademais, resérvanse 96 prazas para participantes con discapacidade, migrantes, de orixe estranxeira ou poboación xitana. Os participantes deberán ter máis de 16 anos e menos de 30 e estar desempregados. Terán prioridade os mozos e mozas empadroados en Santiago.

A posta en marcha do programa Mocidade con Emprego é posible grazas á subvención de máis de 1,5 millóns de euros que o Concello de Santiago obtivo do Fondo Social Europeo.

Persoas con discapacidade
A Xunta de Goberno adoptou hoxe dous acordos de especial interese para as persoas con discapacidade. Un deles é a aprobación das bases da convocatoria de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo adaptado para as persoas con déficit de mobilidade. O importe destinado a esta nova liña é de 15.000 euros.

Ademais, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Inserta Empleo, dependente da Fundación ONCE, para desenvolver actividades que favorezan a integración laboral das persoas con discapacidade.

Tractor rozador
A Xunta de Goberno de hoxe tamén iniciou o expediente de licitación para o subministro dun trator con dúas rozadoras, unha das actuacións seleccionadas pola cidadanía no marco do proxecto dos Orzamentos Participativos de 2017. Á súa compra destinaranse algo máis de 120.000 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar