O «Festival Arteficial» de Ribadavia contará con música, artesanía e gastronomía

 

A XI edición do «Festival Arteficial» encherá de música, artesanía e gastronomía, mañá sábado dia 2, o conxunto histórico da vila de Ribadavia. A presentación desta celebración cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente e os membros da asociación Arteficial, Rafa Otero, Manuel Araujo e Nuria Álvarez.

A Deputación de Ourense colabora con este festival que «aglutina cultura e patrimonio nun mesmo evento, sendo de referencia no calendario festivo da nosa provincia» dixo Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o papel da cooperación público-privada, «que permite desenvolver este tipo de iniciativas que contribúen a dinamizar a comarca a través de propostas culturais da man dun grupo de mozos do Ribeiro co obxectivo de potenciar novas actividades e mesturar diversas formas de expresión cultural»

O festival, que chega a súa undécima edición, é entendido agora como «a romaría da música alternativa do barrio da Madalena», sinalou o presidente da asociación Arteficial. O evento, que conta con 11 actuacións de música en directo, comezará ás 12.30 horas e desenvolverase ao longo de todo o día en diferentes espazos do conxunto histórico da vila de Ribadavia sendo o escenario principal o barrio da Madalena, explicou Rafa Otero.

Asemade, Rafa Otero destacou que este ano o festival comezará co Encontro de Asociación de Profesionais Galegos da Xestión Cultural que «nos convida a participar no seu banco de boas prácticas e innovación no eido da xestión cultural, que supón un recoñecemento que ven a paliar as dificultades coas que nos topamos como asociación».

Outra das actividades que acolle esta celebración é o «Mercado das Sementes» onde estarán presentes «trece artesáns galegos de diferentes disciplinas artísticas: téxtil, bixutería, impresión 3D, entre outras», explicou Nuria Álvarez, quen lembrou que a entrada ao festival é gratuíta pero que «a xente pode colaborar cunha entrada solidaria a favor de Cruz Vermella, que estará alí no Festival». Tamén haberá un espazo dedicado á gastronomía con postos de comida tradicional e con «food trucks».

Manuel Araujo dixo que esta celebración «trata de poñer en valor o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa cultura, traendo a bandas de gran recoñecemento a nivel nacional e internacional, o cal é posible grazas aos once anos de traballo e aprendizaxe».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar