Ourense:
Nova iluminación e máis económica na Ponte do Milenio

A nova iluminación instalada Ponte do Milenio permitiralle aforrar ao Concello máis de 4.000 euros anuais. As obras de renovación das luminarias desta infraestrutura para mellorar a súa eficiencia, realizadas no mes de xullo pola Xunta e o Concello terán como consecuencia un descenso do 62,61% da factura eléctrica e farán posible liberar recursos para outras actuacións na cidade. A adaptación dos horarios nocturnos permitira aforrar outros 684 euros anuais, segundo un informe realizado polo Servizo Eléctrico municipal como consecuencia da entrada en funcionamento da nova iluminación

O informe pon de relevo tamén que a redución do consumo eléctrico se traducirá nunha redución das emisións contaminantes á atmosfera, cifrada en 34.689,69 kg de CO2.

“A Ponte do Milenio recupera o seu esplendor grazas a estas obras realizadas froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia sinala o concelleiro de Infraestruturas, José Araújo, para poñer en valor un dos símbolos da cidade que non tivera nos últimos anos o mantemento necesario”.

Ademais, indica, “grazas a esta mellora aforraremos ata final de mandato máis de 8.000 euros en consumo eléctrico”, e avanzar “nun reto do goberno municipal, que é ir renovando a iluminación para que sexa máis eficiente, contamine menos, produza menos emisións á atmosfera e rebaixar o custe do recibo da luz”.

Substitución de máis de 300 tubos e 34 proxectores

As obras incluíron a substitución dos tubos fluorescentes dos pasamáns, e dos focos das costelas e dos piares. Nos pasamáns substituíronse un total de 311 tubos fluorecentes de 18W por outros tantos tubos led de 8 watios, o que permite pasar dunha potencia de 5.598 W a 2.488 W.

Nos focos costelas, substituíronse os 22 proxectores de 250 W por outros tantos de led de 60W, para pasar dunha potencia de 5.500 a 1.320.

Finalmente, en canto aos focos dos piares, substituíronse os 12 proxectores de 400 W por outros led de 178 para pasar dunha potencia 4.800 a 2.136.

Coa infraestrutura anteriormente existente, a potencia instalada era de 15.898 watios, que funcionando durante todo o ano supoñían un consumo anual de 65.181,8 kilowatios, cun custo anual de 5.673,21 euros.

Coa nova instalación, a potencia é de 5.944W. Funcionado todo o ano o consumo anual será de 24.370,4 KW, aforrando 40.811,4 kilowatios anuais, que suporá un costo anual estimado de 2.121,11 euros, polo que o aforro anual para o Concello será de 3.552,10 euros (un 362,61%).

A este aforro súmanse a adaptación dos horarios nocturnos, tanto dos proxectores da costela como dos piares, que non son necesarios para a circulación. A este respecto, está previsto que se apaguen a partir da unha da madrugada, o que reportará un aforro que pode chegar aos 684 euros anuais.

Medio millón de euros de investimento total

A nova iluminación da ponte entrou en servizo o día 21 de xullo, e supuxo a última fase das obras de mellora da infraestrutura realizadas pola Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia coa colaboración do Concello.

O investimento de preto de 500.000 euros permitiu realizar intervencións de selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e no revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impide a penetración de auga. Impermeabilizouse totalmente a cara superior do taboleiro para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, e substituíuse a capa de rodadura.

Retirouse a vexetación e liques e canalizouse a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos e se eliminaron as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles.

Todas estas actuacións teñen por obxecto poñer a punto e devolver toda a funcionalidade a unha infraestrutura estratéxica para a cidade desde o punto de vista da mobilidade, que tamén se ten erixido como referente turístico e fenomenal enclave para gozar dunha visión panorámica da cidade.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto