Medio Rural traballa na ampliación da producción de kiwi

A Consellería do Medio Rural colaborará coa compañía Kiwi Atlántico para localizar novos predios nos que ampliar a súa produción. Así se acordou nunha entrevista entre o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o xerente de Kiwi Atlántico, José Carlos Vila, na que se solicitou o apoio da Xunta na procura de terreos.

En concreto, o responsable da compañía trasladou que precisan de terreos adecuados o máis preto entre si posible para mobilizar entre 50 e 100 hectáreas destinados aos seus diferentes cultivos: kiwis de distintos tipos, froitos vermellos e aguacates. Están interesados, en especial, na zona do Salnés e do Baixo Miño.

Así, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a enviar técnicos do Banco de Terras para localizar, xunto co persoal da empresa, aquelas áreas máis adecuadas para as súas plantacións, tanto pola súa situación como polas características do chan. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez congratúlase da petición de Kiwi Atlántico porque coincide cun dos retos da consellería para os próximos anos, o da mobilización de terras para loitar contra o abandono do campo e favorecer a economía rural.

Respecto aos prazos que se manexan, o obxectivo é que a primeira fase deste proceso de intercambio de predios, o da identificación das parcelas, estea rematada este mesmo ano para comezar a continuación coa tramitación administrativa.

Galicia, produtora líder

Galicia é a principal área produtora de kiwi de España con máis de 16.200 toneladas. Esta produción conséguese nas 673 hectáreas cultivadas polos 190 produtores que temos na nosa comunidade autónoma. Kiwi Atlántico é unha das principais empresas. Naceu en 1988 e hoxe en día dispón de máis de 170 hectáreas de produción en España e Portugal, ademais de 50 ha en Uruguai, pero o 60% do seu produto comercializado procede de Galicia, sendo Pontevedra a provincia con maior superficie plantada (máis de 500 ha). As dúas marcas que actualmente se encontran no mercado son Kiwi Fresh, para a froita que procede de Portugal, e Kiwi Atlántico, para a calidade premium.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto