Cidade Imaxinaria no Gaias o próximo sábado


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida as familias a gozar, un ano máis, dunha das citas xa clásicas do verán, Cidade Imaxinaria. Nesta sétima edición engalana as súas oito horas de espectáculos, xogos e obradoiros coa estética retrofuturista do steampunk para facerlles sentir a grandes e a pequenos protagonistas, na Cidade da Cultura de Galicia, de historias fantásticas como as dos relatos de Julio Verne, H.G. Wells ou Arthur Conan Doyle.

Unha batucada steampunk será encargada de poñerlle banda sonora a este universo retrofuturista, recreado a través de espectáculos e artefactos itinerantes xigantes, entre os que se atoparán unha balea, un rodafonio e velocípedos que levarán risas, música, diversión e maxia a cada recuncho da Cidade da Cultura, desde a praza Central ata as zonas verdes e de descanso: Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o parque do Lago.

Luces, cores e sorprendentes burbullas xigantes encherán o ceo do complexo do Gaiás para recrear un espazo e tempo de fantasía propio do steampunk, ao que contribuirán espectáculos como Non molestar. Nesta proposta escénica reproducirase un día de traballo nunha fábrica de principios do século XX con catro personaxes singulares, levados ao límite do risco, do absurdo e sobre todo, da tenrura, con diversión garantida para todos os públicos.

Nesta viaxe polo tempo non faltarán, un ano máis, equilibristas, malabaristas e trapecistas que convidarán a vivir en primeira persoa a pura esencia do circo con obradoiros programados ao longo de todo o día, nos que dar os primeiros pasos para ser futuros profesionais de calquera destas disciplinas.

Precisamente, este universo circense está presente no espectacular Máis alto aínda da compañía Desastronauts, que a través dun abraiante número con trapecio de balanceo, cordas áreas e hula-hoop representará a historia dunha nena forte e valente.

En Cidade Imaxinaria a música ten sempre un papel protagonista e nesta edición retrofuturista aínda máis con dúas actuacións importantes no escenario principal. A primeira, con dous pases ao longo de toda a xornada, será a do Musicoloco. Trátase dun número de malabares con batería, da que saen composicións fantásticas grazas a abraiante destreza circense do artista, da que dá boa conta o feito de que un vídeo deste espectáculo superase nas redes os 13 millóns de visitas en apenas uns días.

A segunda gran actuación musical será a de fin de festa da batucada steampunk. Os ritmos potentes, festeiros e contaxiosos do membros desta formación darán por rematada, ás 20.30 horas, esta xornada de espectáculos, xogos e obradoiros, que bota a andar ás once e media da mañá.

Circuíto e Parada en boxes

Mais antes de que Cidade Imaxinaria peche as súas portas ata o verán que vén, queda polo medio un amplo programa de xogos e obradoiros cos que aprender, pero sobre todo divertirse. Así, esta urbe fantasiosa e retrofuturista contará ao longo de todo o día cun circuíto de xirociclos e monociclos, cos que pilotar divertidas carreiras.

Outra das novidades desta edición é o espazo Parada en boxes, onde nenas e nenos porán a proba a súa habilidade e destreza para cambiarlles, no menos tempo posible, as rodas a un coche con estética retrofuturista, como non podía ser doutro xeito nesta Cidade Imaxinaria steampunk.

Cidade Imaxinaria e tamén descubrir e experimentar. E iso é o que se procura no obradoiro Os amigos de Crusó. Grandes e pequenos gozarán en familia de xogos autómatas de gran formato: un paxaro que bate as ás por riba do público ou unha tartaruga que pon e enterra os ovos na area da praia, á vez que resolverán en equipo e con enxeño divertidos quebracabezas.

Visitas comentadas ás exposicións

Esta ampla xornada en familia é unha oportunidade única para gozar xuntos do lecer, da diversión e tamén da arte. Por iso, pódese aproveitar para coñecer as exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra. Ambas mostras contan con visitas comentadas, ás 12.30 e 17.30 horas, tamén de balde, como todas as actividades de Cidade Imaxinaria.

Como xa vén sendo habitual, A Cantina do Gaiás ofrecerá un servizo de comida con menú do día ao mediodía, ademais de bocatas e hamburguesas durante toda a xornada. Postos con xeados, algodón de azucre ou flocos de millo farán tamén as delicias dos asistentes. A oferta gastronómica complementarase coa presenza de varios foodtracks nas proximidades do Parque da Balea.

Ademais, Cidade Imaxinaria contará cun servizo de bus urbano especial que sairá cada 40 minutos entre as 14.20 a 21.00 horas da Praza de Galicia, que se suma aos horarios habituais dos sábados das liñas 9 e 11. O último bus de baixada desde o Gaiás será ás 21.20 horas.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto