A Policía Autonómica protexe a 215 mulleres víctimas da violencia de xénero

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Silverio Blanco, participaron hoxe nunha reunión para facer balance da actuación da Unidade da Policía Adscrita (UPA) en materia de loita contra a violencia de xénero.

A Policía autonómica asumiu competencias na materia en setembro do ano pasado, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxen). Posteriormente, os axentes da UPA recibiron formación específica, tanto teórica como práctica.

As funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio…; traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á Comisaría para proceder á denuncia; recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima. As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros.

Actualmente, a Policía Autonómica presta protección a 215 vítimas, que se distribúen do seguinte xeito seguindo as distintas xefaturas: 57 na Coruña, 55 en Vigo, 31 en Ourense, 31 en Santiago, 26 en Lugo e 15 en Pontevedra.

Desde setembro de 2016, o traballo desta Unidade permitiu a detención dun total de 30 persoas. Neste período, tamén realizaron outras actuacións destacables como 1.176 identificacións, e máis de 20.700 accións de contravixilancia no entorno da vítima ou do agresor. Ademais, recibiron máis de 2.400 chamadas en materia de violencia de xénero, e mantiveron case 3.400 contactos coas vítimas.

Na actualidade as unidades de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero da Unidade de Policía Adscrita (UPA) contan con 13 policías adicados en exclusiva a estas mulleres, aos que se suma o apoio de 66 axentes que prestan servizo a quendas as 24 horas do día, os 365 días do ano. Hai que ter en conta, ademais, que este labor fundamental de protección e atención realízase en colaboración co Corpo Nacional de Policía.

Anexo datos

VÍTIMAS PROTEXIDAS A DÍA DE HOXE

SEDES UPA

TOTAL

Santiago de Compostela

31

A Coruña

57

Lugo

26

Ourense

31

Pontevedra

15

Vigo

55

Total

215

ACTUACIÓNS POLICIAIS VIOXEN

SEDES UPA

TOTAL

CONTACTOS COA VÍTIMA

3399

CONTROIS ENTORNO VÍTIMA/AGRESOR

PERSOAL UPAP

1220

PERSOAL DE APOIO

19575

INFORMES DE AVALIACIÓN DO RISCO DA VÍTIMA

1023

NOTIFICACIÓNS XULGADO/FISCALÍA

1506

DETIDOS

30

IDENTIFICACIÓNS

1176

TRASLADOS/SERVIZOS HUMANITARIOS

60


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto