A TVG, canle máis vista do prime time galego

Cunha cota de pantalla do 11,7%, a TVG foi este martes a canle máis vista do prime time galego. A televisión pública galega tamén contou con 5 dos 6 programas con máis audiencia da xornada, o que lle outorgou tanto o liderado informativo coma o de entretemento.

O “Telexornal Mediodía” foi o programa máis seguido en Galicia o 29 de agosto, cunha media de 195.000 espectadores e unha cota do 26,6%. Este informativo foi o programa que máis veces liderou as audiencias en Galicia no que levamos de ano, xa que o fixo en 108 ocasións dos 241 días transcorridos de 2017.

A segunda posición ocupouna outro informativo da TVG, o “Galicia Noticias Mediodía”, que acadou unha cota de pantalla do 29,3% e unha audiencia media de 184.000 espectadores. Este programa tamén se fixo co minuto de ouro, ao rexistrar ás 14.15 h. 252.000 espectadores e un 36,8% de share.

Despois dun informativo de Tele 5 no terceiro posto da clasificación, “Larpeiros” foi o programa de entretemento máis visto do día. Liderou as audiencias durante a súa emisión e contou cunha media de 152.000 espectadores e unha cota do 15,2%.

O quinto programa máis visto foi a fracción do “Telexornal Mediodía” que se emite a partir das 15.00 h. e o sexto, o programa especial que ofreceu a TVG sobre a Romaría do Naseiro, que tamén foi líder durante a súa emisión, con 131.000 espectadores e unha cota do 14,1%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar