As viaxes e as maletas do viaxeiro

Propaganda con idílicos paraxes, tours, ofertas, descontos, para fin de semana, para unha semana, para quince días ou un mes? Iso si, sabendo que quen vai só, onde quere e ao seu aire, é o verdadeiro trotamundos, dono de si mesmo no imperio da impaciencia; quen vai acompañado está sometido a esperas e os tempos xa son outros. Uns curtidos viaxeiros, comedidos ou pedantes sábeo todo, outros novatos, pasmados, amedrentados, nótanse ben. Comprobando que hai viaxeiros que cando saen da casa e pasan fronteiras ceiban o instinto e convértense nos peores depredadores.

Sabemos, que toda viaxe sempre se enreda para outros comezos, para ser un aproveitable máster no que coñecerse e coñecer aos demais, contrastando relatividades, furando polo bosque da oferta e da demanda, entre atinos e timos. E quizais se retorne gabándose, como un experto fantoche. Todo seduce na viaxe, mesmo os guías, os chóferes, os gondoleiros para converterse en líderes… Engrandecemos canto enxergamos fóra, todo convida a levalo, deica confundir o pracer de viaxar co de mercar.

Antes, cando pasaba un turista pola rúa creaba rexouba entre os miróns, agora repugna a invasión de guiris ou jodechinchos, como lle din no Morrazo. A que debera ser arte de viaxar convértese nun andazo comercial mal xestionado, proba de que “non estamos preparados”. Antes os viaxeiros eran unha bendición, recibidos de xeito excepcional, agora, coa masificación sométense a colas, reféns de esperas e desesperas, a golpe de ordes, contraordes…

Ao fin e ao cabo todos levamos nos xenes a ansia de experimentar, de saír da caverna platónica e atravesar pontes. Cando se pode, por vocación ou vacacións, ou cando nos mandan, lanzámonos polos camiños do mundo, a feiras, congresos, a viaxes comerciais, de aventura ou de solidariedade, de lúa de mel, de peregrinacións a santuarios, a concertos, a eventos deportivos, a balnearios, a ceibar os instintos básicos ou quizais a perderse na mística do rural? E para cada ética e estética un amplo catálogo no mercado: ofertas organizadas, demandas, de deseño… Polo avance nas comunicacións coñécese o mundo mellor. Os países maduros saben canto supón atraer, organizan os recursos, o xeito das visitas a través dos centros de visitantes que vencellan canto se pode precisar para a satisfacción ante calquera imprevisto do tempo cronolóxico, climatolóxico ou a masificación.

O turismo altera os instintos, mesmo inspira a elaborar un catálogo de tipos esperpénticos, ridículos. A viaxe, que sempre supón algo de pracer pode rematar converténdose nun sainete traxicómico, quizais desinteresándose pola identidade, a natureza, a cultura dos pobos… sacando fotos a destra e sinistra, polo alto e polo baixo, mercando chilindradas, armas de tortura para quedadas de reafirmación persoal da viaxe ante un incrédulo auditorio.

Persiste o síndrome do caracol, coa casa ás costas, aínda que cada vez o turista con máis impaciencia por enxergalo todo e a menor prezo, pese a publicidade do turismo slow. Os avós eran viaxeiros de atillo ou bornal ao lombo, no que, por medo á fame, non faltaba un queixo, un anaco de xamón, chourizos e pan? Viaxeiros de faltriqueira, nela un cativo feixe de billetes envoltos e, a man, unha faca de tres estralos. Sen faltar algún escapulario, medalla e amuletos contra os meigallos que inzan os camiños. As cousas teñen mudado ben despois de tanta serie de cestas, gueipos, seilóns, fardos ou baúis, cargados nun auto, nun barco ou nun fumegante Shangay. Pervive tamén a prehistórica ansia da acampada, novos xinetes, moteiros, a velas vir polo asfalto nun xeito de prolongada ruta 66. Nin faltarán as roulots e os seus adictos, aos que non lle fales de hoteis, os que incluso levan a gaiola co loro, o gato, as plantas, os xoguetes dos nenos, os instrumentos musicais para animar roldas… creadores de tribos de amizade.

Imprescindibles as mochilas e as maletas, agora hainas de todos os xeitos e prezos, cores e marcas, de rodas, de man, de tela, duras, con cremalleira, con cadeado, en xogos de estilo e cor co bolso de man, co neceser… velaí as tendas para dar servizo ao viaxeiro en boa parte para gloria comercial do Gran Bazar Chino. E iso que nos nosos días o peso do equipaxe de man alixéirase por decreto de seguridade aeroportuario ao vetar obxectos metálicos, punzantes, navallas, tesoiras, líquidos, cremas… Coa contradición que, despois, nos duty-free un xa poderá mercar mesmo co que improvisar un arma ofensiva. O que importa é o comercio.

Nestas algo teremos aprendido á hora de preparar a saída: os documentos de identificación, os cartos, as tarxetas, o seguro, os billetes do transporte, as reservas? onde metelos, no peto, no bolso, nas maletas (non)? A mochila ou a maleta converterase nun membro do mesmo viaxeiro, retrato ou test psicolóxico: personalizadas, tuneadas con churruscadas, diferenciadas. Equipaxe interiormente organizado ou desorganizado, tamén a xeito de cada quen, no que, sen sabelo, transpórtase remedio pros medos persoais: roupa para non quedar espido, corta, larga, gorras… segundo os criterios de orde… e quizais, contravindo o sentido común do bo viaxeiro, se agoche por algures unha xoia, a lembranza inseparable… todo mesturado con bolsas para case unha farmacia e droguería: mercurocomo, gasas, aspirinas, paracetamol, Fortasec, cremas antisolares, pro reuma, para pes lixeiros, para bronquite… perfumes, repelentes antimosquitos… máquina de fotos, baterías, cargadores… Os fumadores sumarán cartóns de tabaco. Non faltarán libretas, lapis para tomar notas, mapas, guías, dicionarios, nin libro para hora das esperas, as táboas de plasma, os ordenadores… e si hai cobertura, pasaremos horas asolagados na nomofobia (o medo a saír sen móbil) enganchados a Instasgram bombardeando imaxes, selfies, contando as aventuras. Móbil con todas esas aplicacións que o intrépido viaxeiro de hoxe coñece e evita esoutros pesos na súa equipaxe.

Maletas agarimadas, ás veces plastificadas, como si se lle puxese unha armadura para aturar un estraño viaxe á intemperie, entre mans, consignas, as que tras o mostrador de facturación, vanse soias pola cinta, despedidas con ollada nostálxica e un esperanzado deica logo que pode ser deica nunca? para comezar un calvario descoñecido, entre maleteiros que as guindan, unhas débiles baixo as pesadas de latón blindado e con todos os precintos dos viaxeiros xaponeses… Iso si, convén non esquecela, a marca, os distintivos para, en caso de perda, describila con precisión na reclamación. Desacougo e alegría ao reedescubrila campante sobre a cinta do baggage claim.

A maleta ten un peso á ida é outro á volta. Hai tamén que leva zapatos e roupa vella, para ila gastando máis e finalmente deixala onde lle cadra e si vai a un deses exóticos países que din do terceiro mundo, repartila entre bendicións. A maleta retornará en desorde, cargada de souvenirs, de pesados libros, quizais de pedras coa mística de cada lugar, entre roupa sucia e folletos…

Sen faltar quen cavile que o mellor é quedar na casa, no sofá, viaxando a través do plasma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar