O PSdeG considera fracasada a implantación do ensino plurilingue

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou o que considera “fracaso estrepitoso” da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 para a implantación de ensino plurilingüe na educación pública obrigatoria, posta en marcha en xuño. Criticou que os responsables da Xunta se centren na “carreira pola etiquetaxe” de centros obviando a eficacia e resultados reais desta iniciativa.

Explicou que a única intención da Consellería de Educación sexa “poñer unha pegatina” nas portas dos centros, dentro da “perpetua propaganda para facer ver que se apoia o ensino en lingua estranxeira. Presentou así unha escolma de 29 centros de ensino Infantil admitidos que obteñen a certificación ofrecendo só unha materia en inglés, na inmensa maioría dos casos correspondente a plástica.

Criticou que “na práctica só teñen unha hora adicional en lingua inglesa, e con iso xa son declarados trilingües”, a pesares de que “custa crer que deste xeito mellore de forma notable a competencia en lingua estranxeira do alumado”. Advertiu que a Consellería “non está a facer avaliación de resultados nin da aplicación deste programa”.

En calquera caso hai, explica, un total de 81 centros que teñen participado no programa Plurinfantil, dirixido a implantar o plurilingüismo no ensino infantil, dun total de 261 que poderían ter participado. Este 31 por cento é, con moito, o mellor dos datos que pode presentar a Consellería.

Explica que no caso do Bacharelato, que desta volta eran susceptibles de participar no programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccauréat en francés, denominado Bachibac, tan só participou un centro dos 294 posibles, o que “se poñan como se poñan supón un 0,003 por cento”.

A terceira “medida innovadora” para o próximo curso para a implantación do plurilingüismo no FP, denominado Estrela FP, saldouse con apenas 7 centros adscritos dun total de 263 posibles, o que ta un saldo do 0,003 por cento.

Álvarez reclamoulle ao goberno galego unha valoración da aplicación destes programas, e advertiu que “por moi creativos que se poñan non poderán falar dunha valoración positiva”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar