TVG: O programa especial “Vive María Pita” amosará o mellor da cidade herculina

Co gallo das festas por excelencia da cidade da Coruña, a TVG ofrece esta noite o programa especial “Vive María Pita”, presentado pola xornalista Noelia Otero, quen amosará, nun percorrido en directo, o mellor da cidade herculina.
Ademais das conexións en directo cos puntos máis concorridos da noite coruñesa, os espectadores descubrirán os principais atractivos da cidade. Entre eles, a conexión celta da Torre de Hércules e a lenda de Breogán, a pegada de Picasso, a Festa do Amoroso e os produtos de mercado na gastronomía local.
O programa tamén visitará as praias da zona, os históricos comercios da rúa Real e amosará outros detalles menos coñecidos da cidade, como as exitosas visitas guiadas polas noite ao cemiterio de San Amaro. E é que o camposanto coruñés ten unha lista de agarda para visitalo de máis de 4 meses.

FEIRANTES

Este venres chega á Televisión de Galicia unha nova entrega de “Feirantes”, o concurso de polbeiros, que nesta ocasión contará con Iván e Diego, irmáns xemelgos da Coruña, e Héctor, de Ribeira, como participantes, que estarán acompañados polos coachs e mestres polbeiros Mercedes Rodríguez de Pulpería Neira, Amador Porta de Polbería Porta da Estrada e Paco Gómez de Pulpería Á Feira.

No programa de hoxe, o reporteiro Fernando visitará a Feira de Sarria, que con máis de cincocentos anos de historia proclámase unha das máis lonxevas de Galicia. Ademais, volverá pasar polo estudio a Polboneta, pero nesta ocasión non virá Linolio, senón que o encargado será Xiao, o seu mozo, que tratará de convencer os concursantes de que utilicen unha auga especial para cocer o polbo.

Por outra parte, o programa contará coa presenza da orquestra invitada Los Players, os humoristas Pablo Meixe e Tito Rober e o chef Taki, do grupo Nove, que fará un guiso de costela de tenreira con cebola e queixo do Cebreiro.

No apartado de maxia, o Mago Benxamín sorprenderá coa axuda de dous invitados do público cun xogo de cartas e outro cunha corda, facendo aparecer e desaparecer un nó.

ALALÁ

Esta noite de venres, a TVG ofrece un especial de “Alalá” baixo o nome de “O rei da festa”. A tradición musical galega ten moitas formas distintas. Ao longo da historia os que animaron a festa foron as pandeireteiras e os gaiteiros, logo os acordeonistas e máis tarde os grupos folk. Hoxe as diferentes formacións conviven demostrando a riqueza da nosa música e a súa capacidade para facer mover os bailadores e facer ferver o terreiro.

Nesta ocasión, o campo da festa vai ser a carballeira de San Lourenzo, en Santiago de Compostela. Alí van demostrar o seu bo facer varios grupos que, representando a diversidade musical galega, intentarán acadar dos seus compañeiros o título de rei ou raíña da festa.

Cada un dos grupos participantes representa un tipo de formación diferente. As Lagharteiras son pandeireteiras clásicas, recoñecidas polos seus compañeiros como magníficas intérpretes; Raúl Galego é un gaiteiro de raíz moi respectado; Xabier Díaz acompaña a fermosura da súa voz e do acordeón co son dos adufes, os antigos pandeiros cadrados; O Fiadeiro achega a esta festa o bo facer dos seus bailadores; Ardentía leva 25 anos mesturando novos sons no eido do folk, e Tanto nos Ten é un dos grupos de música tradicional máis reclamados nos últimos tempos pola súa capacidade para facer festa rachada.

Todos eles interpretarán distintas pezas e falarán dos cambios que viviu a música tradicional nos últimos anos, da maneira en que eles a entenden e dos seus proxectos, para rematar votando por aquel compañeiro que consideran o mellor músico para facer festa.

A REVISTA
Ás portas da fin de semana, o magazine “A Revista” interesarase polos preparativos de dúas celebracións que contan cunha gran tradición en Galicia, a Festa da Istoria de Ribadavia e a Segunda Xira dos Caneiros de Betanzos. Desde as respectivas localidades, o espazo falará das actividades e propostas que os visitantes poderán gozar nestes dous festexos.

Sevi Martínez conversará no estudio con dous organizadores do certame Free Riders, que se celebra na praia de Miño. Este evento réndelle culto aos condutores libres e apaixonados que gozan da sensación de pilotar. Motos, coches, furgonetas e Rock&Roll van da man neste festival, en que entre as variadas actividades, soarán Sex Museum, Mad Martin, Lou Reyes & Rokin’ Corsarios e Radio Ocean, entre outros moitos.

Lucía Regueiro e Estíbaliz Veiga acoden tamén a “A Revista” para falar do calendario solidario en que participan, xunto ao elenco da serie da TVG “Serramoura”, en apoio da asociación protectora Gatocán, de Sada. Coa recadación da venda dos 2.000 exemplares que tiraron, Gatocán busca ampliar as gateiras das que dispón. Esta asociación é a única protectora que conta con gateiras pechadas en parcelas de campo, onde os gatos gozan dun estado de semiliberdade, onde guarecerse, alimentarse e con espazo para correr.

O colaborador e experto en animais do programa, Octavio Villazala, traerá na presente edición varias crías de periquitos para falar das súas peculiaridades e coidados, así como un can para adoptar.

MINUTADO do 25/08/2017 da TELEVISIÓN DE GALICIA

08:00
REPORTAXES “VIVIR AQUÍ” “Laxe no verán”

08:10
TOP 10 “Ocio preferido polos galegos”

Un programa que reúne o mellor das cousas que temos, que facemos entre todos porque resulta dunha clasificación feita polos galegos, a través dos seus votos e opinións, sobre os seus gustos e afeccións.

09:00
BOS DÍAS

Presentan Marta Darriba e Francisco L. Iglesias, coa información deportiva a cargo de Terio Carrera. Inclúe o espazo “O Faladoiro”, hoxe cos xornalistas Roi Rodríguez, María Méndez e Valentín Carrera.

10:35
A COCIÑA DE ANDRÉ “Canelóns de mexillóns e verduras con bechamel de cabaza”

Un espazo diario de gastronomía presentado polo chef André, que propón en cada intervención receitas doadas de realizar, que sorprenderán polo seu sabor e o seu atractivo.

11:10
O FARO Cap. 241

Serie. Lidia decátase de que está botando a perder a súa relación con Gonzalo e está disposta a dar un paso adiante para recuperalo. Erea pensa que Ricardo está a ocultar algo e quere dar co seu paradoiro. No Faro, Damián e Ánxela son convidados ao acto de inicio das obras. Ese día poñen a primeira pedra do complexo e Damián está desexando asistir. Ánxela non quere ir sen Lucía nin Fina, pero Damián acaba convencéndoa. Na familia Torres, Ana descobre o que estaba ocultando Arturo durante todo este tempo. Óscar está moi alarmado porque non sabe nada de Hugo e Patri.

12:00
GAÑA A TÚA SORTE

Concurso para toda a familia en que a diversión e o entretemento están asegurados. Presentado por Javier Varela, mestura o xogo de preguntas e o azar.

12:35
A REVISTA

Presenta Sevi Martínez. Inclúe “Adiantos Informativos”.

13:45
CADA DÍA UN LIBRO

Microespazo divulgativo en que cada día se lle recomenda un libro ao espectador.

13:50
GALICIA NOTICIAS MAÑÁ

Presenta Ana Pérez.

14:25
TELEXORNAL MEDIODÍA

Presenta Raquel Domínguez. Carlos Macía encárgase da información deportiva.

15:30
FESTA DA QUEIMADA DE CERVO ’17 (Rep.)

16:05
O TEMPO

16:20
TI VERÁS

Concurso presentado por Rodrigo Vázquez en que cada día unha parella de concursantes opta a gañar un premio de ata 50.000 euros.

18:15
GALEGOS NO MUNDO “Tunes”

Unha ollada á realidade de todas aquelas persoas que un día emprenderon unha vida nova noutro país e que agora achegan as súas vivencias desde as cidades máis afastadas e os lugares máis insospeitados, amosados en primeira persoa por galegos singulares.

19:10
PEZAS ERA VISTO “Callos deconstruídos”

19:20
ERA VISTO! Cap. 51

Inspirada en historias e personaxes do universo rural galego. Un pai de familia, Moncho; a súa muller, Elvira; o fillo adolescente, Kevin; o xefe despótico, Anselmo; e os amigos bardallas, Lino o carteiro e Puskas, o dono do bar.

19:50
ESCOBA ! Cap. 43: “Tanto pesas, tanto vales”

Comedia de situación que ten como protagonistas únicas cinco mulleres: Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena.

20:25
INFORMACIÓN ESTADO DO MAR

20:30
GALICIA NOTICIAS SERÁN

Presenta Beatriz Moyano.

21:00
TELEXORNAL SERÁN

Presenta Carlos Amado. Alfonso Hermida encárgase da información deportiva.

21:50
O TEMPO

22:05
VIVE MARÍA PITA ’17

Co gallo das festas por excelencia da cidade da Coruña, a TVG ofrece esta noite o programa especial “Vive María Pita”, presentado pola xornalista Noelia Otero, quen amosará, nun percorrido en directo, o mellor da cidade herculina.

23:00
FEIRANTES

“Feirantes” é un espazo de xolda e diversión, cun compoñente ben tradicional, xa que está baseado no mundo das feiras galegas. Este venres chega á Televisión de Galicia unha nova entrega de “Feirantes”, o concurso de polbeiros, que nesta ocasión contará con Iván e Diego, irmáns xemelgos de A Coruña, e Héctor, de Ribeira, como participantes.

00:35
ALALÁ “O rei da festa”

Alalá relaciona a música tradicional galega e outras formas de patrimonio oral co contorno social e laboral, para non esquecer este valor cultural. A TVG ofrece hoxe desde a carballeira de San Lourenzo, en Santiago, o especial titulado “O rei da festa”. A música de Ardentía, As Lagharteiras, O Fiadeiro, Raúl Gelgo, Tanto nos Ten e Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre amenizarán esta velada singular.

02:10
TELEXORNAL NOITE

02:20
CASAMOS! (Rep.)

03:20
QUE CASAS! (Rep.)

04:15
REPORTAXES “VIVIR AQUÍ” “Campamento de vela”

04:20
SONS NA NOITE

04:40
NOITE DE JAZZ

05:10
TI VERÁS (Rep.)

07:00
A REVISTA (Rep.)

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar