Novas Xeracións convoca o seu décimo Congreso autonómico

A Xunta Directiva da Novas Xeracións de Galicia vén de convocar para os días 22 e 23 de setembro o seu X Congreso autonómico. O órgano rector da formación política xuvenil aprobou tamén o calendario ata a celebración do Congreso e o seu regulamento. Do mesmo xeito nomeou a Borja Arca presidente do seu Comité Organizador.

O presidente saínte, Diego Gago, que non renovará a súa candidatura á presidencia autonómica por estar ocupando a presidencia nacional da formación, incidiu na “importancia da renovación do Partido Popular de Galicia e, como consecuencia inmediata, tamén nas súas novas xeracións”.

Segundo Gago o X Congreso de Novas Xeracións representa “unha gran oportunidade para invitar a todos os mozos de Galicia a participar en política activamente”, xa que os mozos “debemos seguir transmitindo as inquedanzas e as demandas da sociedade, co obxectivo de continuar sendo útiles”.

De feito, a formación xuvenil empregará este período para actualizar e reforzar o seu ideario a través de ponencias que os compromisarios poderán emendar, enriquecendo así a súa base ideolóxica e permitindo que esta estea máis próxima aos mozos de hoxe.

CRONOGRAMA

Dende este momento e ata o vindeiro 1 de setembro está aberto o prazo de recollida de sinaturas para a presentación de candidaturas, que, segundo establece o regulamento, deberán ser un mínimo de cincuenta.

A partir do día 2 e ata o dezaoito de setembro cada unha das candidaturas presentadas poderá comezar a recoller avais. O regulamento establece que para que unha candidatura chegue ao Congreso precisa 150 avais. Paralelamente, entre o día 2 e o dezasete do mesmo mes desenvolverase a campaña interna dos candidatos.

Os compromisarios poderán inscribirse entre o vinte cinco de agosto e o dezaoito de setembro e poderán facer emendas ás ponencias entre o once e o dezaoito de setembro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar