Pontevedra:Pola supervivencia do carballo de Santa Margarida

O Concello de Pontevedra recibiu a autorización que precisaba da Consellería de Medio Ambiente para poder levar a cabo os traballos de poda, tratamentos fitosanitarios e traballos de suxeición das polas do carballo de Santa Margarida. Son actuacións urxentes recomendadas polos expertos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación Provincial que fixeron unha avaliación do estado desta árbore senlleira a petición da Concellería de Medio Natural após da caída dunha pola seca de 200 quilos o pasado 31 de xullo.

O concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, acompañado polo director do Areeiro, Pedro Mansilla e a deputada provincial Eva Villaverde achegouse días atrás ata o carballo de Santa Margarida para ver in situ os pasos a dar.

A Xunta asume o ditame dos expertos do Areeiro: existe un perigo inmediato para a integridade do carballo de Santa Margarida -incluído no Catálogo de árbores senlleiras- e a seguridade das persoas polo que autoriza a intervención proposta polo Concello.

Os traballos recomendados no informe do Areeiro, de data 7 de agosto, comezaron hoxe mesmo. Son os seguintes:

-Colocar suxeicións nas ramas principais que máis carga presentan, principalmente a rama de grandes dimensións que da cara a vía principal e que xa presenta unha fenda en toda a súa lonxitude.

-Darlle o tratamento con insecticida biolóxico que recibiu no pasado e aplicar un tratamento tamén biolóxico cun produto a base dos fungos Trichodema sp. co fin delimitar o desenvolvemento de fungos patóxenos do solo.

“Creemos que unha árbore da categoría do carballo de Santa Margarida non pode estar en desleixo como ata agora e por elo o Concello e Deputación, man a man irmos a actuar para combater os insectos, facer as podas precisas e suxeitar as ramas e ademais – agardamos contar co benepálcito da Xunta e da Igrexa- queremos seguir co mantemento ano a anos” sinalou o concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña.

Pola súa banda a deputada Eva Villaverde subliñou que “o fundamental é facer un traballo conxunto para salvar o carballo” e neste traballo a Estación Fitopatolóxica do Areeiro ten un papel básico.

O director do Areeiro, Pedro Mansilla, se vai a facer unha poda de saneamento co fin de sacar as polas secas, se lle dará un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e contra o inverno tentaremos de equilibrar un pouco a árbore porque ten ramas moi grandes cara a estrada. Tamén se estudará como osixenar as raíces da árbore sobre as que hai asfalto.

Inda que o carballo de Santa Margarida é unha árbore centenaria e de saúde delicada, a súa situación non foi a peor nós últimos 30 anos, como proba os resultados das avaliacións da árbore feitas polos expertos do Areeiro este mes de agosto e a feita no período 1987-1990.

A Concellería de Medio Natural, que dirixe Alberto Oubiña, puxérase en contacto coa Xunta – consellerías de Cultura e Medio Ambiente- e coa Delegación de Patrimonio do Arcebispado de Santiago co fin de coordinar unha actuación urxente e tamén definir unha estratexia de longo percorrido para conservar e manter no mellor estado posíbel o carballo de Santa Margarida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar