Ábrese o prazo para a inserción laboral de mulleres víctimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas para fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. Trátase dun programa que se impulsou de forma pioneira a nivel estatal o ano pasado en Galicia, e ao que agora se lle dá continuidade tras atender a máis de 520 mulleres na súa primeira edición.

A convocatoria dispón dun orzamento de algo máis de 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Está dirixida a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral. O prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e prolongarase ata o 18 de setembro.

A convocatoria comprende tres tipos fundamentais de accións subvencionables. A primeira son os itinerarios de inserción, que poden comprender accións como a orientación profesional e intermediación laboral, a busca activa de emprego con acompañamento ou o seguimento de inserción nas empresas.

Tamén se subvencionarán actividades de formación para o emprego, que teñen como finalidade formar e capacitar ás participantes para o seu acceso ao emprego a través da mellora das súas competencias profesionais, coñecemento e prácticas. Por último, tamén se apoiarán actuacións de conciliación que consistirán, fundamentalmente, na posta a disposición de servizos de atención persoal ou familiar para facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario ou na formación para o emprego. O importe máximo de cada axuda será de 95.000 euros.

A inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para acadar a independencia económica e persoal necesaria para rachar os vínculos co agresor. Con esta iniciativa, a Xunta mantén o compromiso de articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar