Catro concellos acollen películas nocturnas na rúa

 

“Maimiño e o espello máxico” e mais A praia dos afogados chegan aos concellos Soutomaior, Redondela, Taboada e Celanova con cadansúa proxección en formato de cinema de verán. Hoxe, na alameda Talo Río ás 22:00 horas (en caso de choiva, no Multiúsos da Xunqueira), mañá na Alameda ás 21:45 horas (en caso de choiva, no Multiúsos da Xunqueira); pasadomañá no Claustro Barroco ás 22:00 horas (en caso de choiva, no seu salón de actos) e o domingo na alameda ás 22:00 horas (en caso de choiva, na Casa da Cultura), respectivamente.

Farano no marco do programa de dinamización lingüística Redecinema que está achegar ata setembro a 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia promovido desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A segunda edición desta iniciativa inclúe ademais outros dous títulos de (co)produción galega e en galego: A praia dos afogados e 9 ondas.

Proxeccións en 17 concellos durante o verán

Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia que chegará aos concellos de Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra, na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada, en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar, en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo e Soutomaior, en Pontevedra. O calendario de proxeccións xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema ) e mais na Axenda de Cultura de Galicia.
A iniciativa persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.

Rede de Dinamización Lingüística

Os destinatarios do programa Redecinema son os concellos pertencentes á RDL, un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar