As Festas de Maria Pita inician a segunda parte

As Festas de María Pita inician mañá a segunda metade da celebración cos festexos nos barrios da cidade como protagonistas. As propostas de ocio que encherán as rúas e prazas foron deseñadas, en moitas ocasións, pola propia veciñanza dentro da convocatoria municipal Facemos Comunidade, promovida pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, así como en colaboración co tecido cultural, como é o caso da Romaría de Santa Margarida, que pechará as celebracións na última fin de semana de agosto. Tal e como destaca o titular desta área, José Manuel Sande, “estas son unhas festas caracterizadas pola participación e co-programación da cidadanía, e que afondan, precisamente, nesa aposta pola descentralización da actividade cultural e de lecer polos distintos barrios do termo municipal”. Así, as Festas dos Barrios ofrecerán actividades para públicos de todas as idades, e inclúen, ademais de concertos ou propostas dirixidas especificamente as nenas e nenos, observacións astronómicas solares, obradoiros ambientais, torneos deportivos ou espectáculos enmarcados no festival Familirúa que, por terceiro ano consecutivo, “favorecerá a expansión das artes escénicas por toda a cidade”, segundo sinala o concelleiro. Nesta liña tamén se presenta a Festa das Utopías, “un ciclo consagrado ás artes circenses, ao clown e á irreverencia”, afirma o responsable municipal, e que inclúe actuacións, entre outros, de Leo Bassi. A iniciativa celebrarase entre os días 14 e 18 en horario vespertino en distintas localizacións da cidade, “co obxectivo de espallar e dar a coñecer outras disciplinas artísticas entre novos públicos”, sinala Sande.

As Festas dos Barrios comezarán mañá, luns 14, en Oza-Gaiteira-Os Castros. Ás 18.00 terán lugar, na zona peonil da Gaiteira, os obradoiros ambientais promovidos pola Concellería de Medio Ambiente e, a continuación, a partir das 19.30 horas, haberá espazo para as artes escénicas a través do festival Familirúa, coa actuación de O Capitán Garfo Cociñando Música. A xornada continuará cos concertos de Os Fresquiños ás 20.30 horas e Los Mecánicos ás 23.00 horas. Xa o martes 15, pola mañá, haberá un obradoiro de reciclaxe con RetoqueRetro ás 12.00 horas, e unha sesión vermú amenizada por Los tres tenedores e A Gramola Gominola ás 13.00 e ás 14.00 horas, respectivamente. Finalmente, pola tarde, contra ás 17.00 horas, terá lugar a observación astronómica solar A nosa estrela, unha actividade organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío dentro da convocatoria municipal Cultura de Barrio.

As festas dos barrios continuarán os días 16, 17 e 18 de agosto no Castrillón-Urbanización Soto. Arrincarán coa lectura do pregón, por parte da Concelleira de Medio Ambiente, María García, o día 16, ás 21.00 horas, na praza Pablo Iglesias, e que dará pé aos concertos de rock de Ídola –21.15 horas– e Travelling Rock Band –22.30 horas–. O xoves 17 desenvolveranse diferentes actividades dirixidas ao público infantil desde as 11.00 da mañá, e pola tarde terá lugar a X edición do Concurso de Tortillas do Castrillón-Urbanización Soto –19.30 horas–, ademais das actuacións das cantareiras de IAR –20.30 horas– e de Amizades –21.00 horas–.  Finalmente, o venres 18 haberá, desde as 11.00 horas, obradoiros ambientais para todas as idades, a observación astronómica de A nosa estrela e intercambio de libros. Pola tarde, a actividade dividirase entre xogos e deportes tradicionais, o espectáculo Contiguo, dentro do festival Familirúa –19.30 horas–, e unha gran verbena coa orquestra Pontevedra ás 20.00 horas. Xa o 19 de agosto, as festas terán lugar en Pedralonga e Sagrada Familia. No parking da Fábrica de armas desenvolveranse obradoiros ambientais desde as 12.00 horas. A actividade infantil comezará ás 17.00 horas, cunha festa con inchables, e o espectáculo do Mago Román Labirinto de ilusións, enmarcado no Familirúa. A orquestra Paraíso pechará as festas promovidas pola AVV Pedralonga ás 22.00 horas.  No caso da Sagrada Familia, as celebracións localizaranse na praza da igrexa de San Rosendo, e terán lugar desde as 17.00 horas, con inchables, obradoiros ambientais, maxia con Familirúa en un pasacalles polo barrio a cargo da Tuna de Veteranos. O peche celebrarase na pista polideportiva, cunha verbena amenizada pola orquestra Los Alkar desde as 22.00 horas.

O 22 de agosto, coincidindo coa Festa da Fresa, terán lugar os festextos das AVV Uxio Carré-Eirís. As celebracións iniciaranse ás 16.00 horas con inchables, que darán paso, ás 17.00 horas, aos obradoiros ambientais, a observación astronómica A nosa estrela e á exposición de Fresas. Á continuación, ás 18.00 horas, comezará tanto o torneo de chave como o de fútbol feminino –organizado coa colaboración do Eirís SD– e, ás 18.30 horas, o concerto da agrupación Donaire e o espectáculo de Familirúa De tin marín, protagonizado por Soledad Felloza. Xa ás 19.30 horas comezará a tradicional Degustación da Fresa, que dará paso, pola noite, aos concertos de Dubidadúo Trío –22.00 horas– e Orquestra Armonía Show –23.00 horas–. Por último, os días 25, 26 e 27 de agosto celebraranse as Festas de Novo Mesoiro, que incluirán, como vén sendo habitual, concertos de rock, orquestras e actividades dirixidas ao público infantil.

Sinfónica de Galicia

Ademais destes festexos, a terceira semana do mes –que se iniciará este luns coa tradicional Batalla Naval no Paseo Marítimo– contará coa actuación da Sinfónica de Galicia e a súas escolas infantís e xuvenís.  “A calidade e a excelencia da Sinfónica  tamén estarán presentes nas festas de María Pita, nas ao igual que o Coro Novo ou a Orquestra Nova, que salientan o fundamental labor pedagóxico e formativo que vén realizando esta institución ao longo dos últimos 25 anos “, sinala o edil. Dentro desta semana de concertos, tamén haberá espazo para a Orquestra de Cámara Galega que, dirixida por Rogelio Groba, actuará o día 16, ás 20.30 horas, en María Pita.

Pola súa banda, o Coro Novo actuará, do mesmo xeito, na praza de María Pita o martes 15, ás 20.30 horas, nun concerto no que o grupo repasará temas coñecidos das bandas sonoras de películas como Star Wars, series como Game of Thrones ou grandes éxitos do pop e do rock;  mentres que a Orquestra Nova fará o propio, á mesma hora, o venres 18, nunca actuación na que interpretará, baixo a batuta de Diego García Rodríguez, a Sinfonía Fantástica de Hector Berlioz. O colofón chegará o sábado 19 co concerto da Sinfónica de Galicia, que estará dirixida por Dima Slobodeniouk. A orquestra levará á praza, desde as 20.30 horas, obras de Bernstein, Ravel, Rossini, Tchaikovsky e Verdi.

Balance das Festas

O edil de Culturas fixo balance da primeira metade das festas, as cales valorou “moi positivamente”, en relación á aposta “pola cultura, lecer, deporte e coñecemento” das distintas actividades e iniciativas, así como á afluencia de público ás mesmas. A este respecto, o responsable municipal salientou o “éxito e consolidación” do Festival Noroeste Estrella Galicia, que hoxe encara a súa recta final coa celebración dunha romaría para todos os públicos no Parque do Paseo das Pontes, e que este ano incluíu, por vez primeira, sesións matinais e nos clubs da cidade en horario nocturno. “A XXXI edición do Noroeste consolida, sen dúbida, o seu formato expandido e descentralizado, de co-programación co tecido cultural e asociativo así como a aposta polo seu contido ecléctico, ao dar a coñecer entre o público o traballo tanto de creadoras e creadores locais como de artistas cunha longa e recoñecida traxectoria”, sinalou o edil de Culturas, quen defendeu que este “modelo de espallamento cultural é a base da programación da segunda metade das festas, nos barrios do municipio”. Na mesma liña, Sande destacou “a boa acollida” da última edición da Feira do Libro, na que as Librarías da cidade “tiveron a oportunidade de visibilizar o seu labor como axentes culturais de proximidade”, e que consolidou, tamén, segundo afirma o edil, os xardíns de Méndez Núñez como “espazo cultural de referencia”. “Este ano apostouse por un aumento de investimento e actividade por parte do Concello na Feira, cuxo formato expandido, con máis actividades e espazos, resultou exitoso fronte a modelos anteriores e francamente esgotados”, explicou o edil, quen lembrou que este ano o evento contou cunha programación específica promovida pola Concellería de Culturas “e dirixida ao público infantil e integramente en galego”, O xardín dos libros.

“Tanto a Feira como O Xardín dos Libros, ademais da propia Rúa da BD de Viñetas e as exposicións de banda deseñada do Kiosco Alfonso, converteron a Méndez Núñez no epicentro da actividade editorial”, defendeu o concelleiro, quen definiu o espazo como “óptimo” para “achegar dun xeito lúdico e accesible o mundo das letras a toda a cidadanía, de todas as idades, nun período tan significativo como son as propias festas do municipio”. Nesta liña, o edil fixo fincapé na relevancia “e éxito de público” da vixésima edición de Viñetas desde o Atlántico, cuxa semana grande pecha hoxe tamén as súas portas. “Este ano, ademais de ofrecer exposicións pioneiras, como a das e dos grandes artistas da banda deseñada galega ou Premios Nacionais de Cómic, tivemos a oportunidade de promover o coñecemento da historieta a través dun pequeno xogo, como foi o percorrido polas diversas exposicións co obxectivo de acadar un dos catálogos da 20ª edición do Salón Internacional do Cómic, fomentando o carácter lúdico dunha cita imprescindible do noso verán”, sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar