O alcalde de Ourense reúnese co tecido empresarial e coa Universidade da provincia turca de Balikesir

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reuniuse hoxe cos responsables de algunhas das principais empresas da rexión turca de Balikesir co obxectivo de dar a coñecer as potencialidades da nosa cidade e para abrir vías que estimulen as relacións entre o empresariado ourensán e turco. Tamén mantivo un encontro con responsables da Universidade local, que mostraron o seu interese por establecer un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo.

A primeira parte da xornada tivo un marcado carácter económico. Vázquez e o alcalde de Karesi, Yücel Yilmaz, mantiveron un encontro co presidente da Cámara de Industria de Balikesir, Hasan Ali Eginlioglu. O rexedor ourensán deulle a coñecer as oportunidades para establecer relacións comerciais coa nosa cidade e invitou ao máximo responsable do sector industrial a estreitar lazos co noso empresariado.

A continuación visitaron as instalacións da súa empresa, Force Chain, especializada na fabricación de pezas de aceiro, nova tecnoloxía, sistemas de tratamento térmico, e unha das principais produtoras de cadeas de toda Europa.

 

Vázquez e Yilmaz tamén se entrevistaron cos responsables da empresa Yaris, líder europea na produción de cabinas para máquinas agrícolas, que conta cun cadro de persoal entorno aos 1.000 empregados e que traballa para empresas como a italiana CNH ou o grupo FIAT.

Os contactos empresariais completáronse coa visita ás instalacións da empresa BEST, que exporta transformadores a todo o mundo e que supera os 1.000 traballadores. Os dous rexedores foron recibidos polo presidente do Consello de Administración, Rona Yircali, e polo director de Finanzas, Sinan Yircali, aos que Vázquez informoulles sobre as oportunidades que ofrece a nosa cidade.

A xornada rematou cun encontro cos responsables da Universidade de Balikesir, que confirmaron o seu interese por establecer un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo.

Jesús Vázquez e o deputado reitor da Universidade de Balikesir, Mehmet Bastürk analizaron as posibilidades de cooperación nun encontro no que tamén estiveron presentes outros membros desta entidade educativa e o vicealcalde de Balikesir.

A Universidade turca quere potenciar o intercambio de alumnos, profesores e doutorados entre ambos centros.  Pero tamén transmitiu ao rexedor ourensán o seu interese en que esta relación fluída entre ambas institucións educativas se materialice ademais no intercambio de grupos de traballo.

A visita de Jesús Vázquez responde a unha invitación oficial realizada polo alcalde de Karesi, quen convidou ao rexedor ourensán a asistir a un encontro internacional que reunirá a alcaldes de Turquía e de outros países.

Para o rexedor ourensán “é unha magnífica ocasión para que Ourense poida presentar as súas potencialidades e todo o que nos fai unha cidade única aos máximos representantes de máis de 70 cidades”, así como para “tender pontes de colaboración con outras localidades do mundo”.

Jesús Vázquez recorda que ao igual que na recente viaxe a China o Concello foi invitado polos organizadores polo seu “desexo de estreitar lazos” coa cidade das Burgas, e lamenta que este “crecente interese por Ourense fora das nosas fronteiras sexa motivo de críticas feroces por parte dalgunhas agrupacións políticas”.

Neste sentido, o rexedor lamenta que para o propietario de DO “a busca de novas vías de colaboración institucional e o diálogo cos empresarios doutros países en busca de inversión lle pareza algo ridículo, como ven de cualificar nun comunicado”.

“Para nós non hai nada máis importante que Ourense, por iso aproveitamos a oportunidade que nos ofrece a invitación do rexedor Yücel Yilmaz para abrir un diálogo coas forzas económicas, sociais e  culturais dunha rexión que conta con 1,2 millóns de habitantes”, explica o rexedor.

Neste sentido, Vázquez mostrouse optimista porque a viaxe “está a confirmar ese interese por Ourense que non poderiamos materializar no caso de quedarmos na casa” e que “xa está a dar froitos” como a proposta da Cámara de Comercio de realizar unha misión comercial a nosa cidade ou a petición da Universidade de Balikesir por estimular a colaboración universitaria entre ambas cidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar