A lingua galega reforza a sua proxección no Xapón

a a súa proxección internacional, e faino desta volta a través de dúas novas publicacións en xaponés que chegan da man do lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón. Trátase da Nova gramática galega e da edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, que saen do prelo, ambos os dous, no marco do catálogo da editorial nipona Kakenhi.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o propio autor déronas a coñecer hoxe pola mañá nunha rolda de prensa na que García Gómez lle agradeceu a Asaka os novos traballos, que salientou como “novas contribucións exhaustivas ao galego que reforzan a proxección exterior da nosa lingua e que, nomeadamente, inciden directamente no prestixio e no coñecemento da mesma, ademais de fortaleceren as pontes que comunican dúas culturas e dous idiomas tan afastados desde o punto de vista lingüístico coma xeográfico”. García Gómez lembrou que, en virtude da colaboración co Cervantes, impártese formación de lingua galega na sede deste instituto da capital nipoa.

O secretario xeral e o lingüista xaponés estiveron acompañados polos autores de cadanseu limiar, o académico da lingua Francisco Fernández Rei –da gramática- e o poeta Claudio Rodríguez Fer –do poemario-, así como de Elba Rei, presidenta da Fundación Uxío Novoneyra; e do secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo.

Nova gramática para aprender galego e ler a Novoneyra en xaponés

Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993, un texto pioneiro que agora se actualiza consonte á modificación normativa do 2003 e implementa a través de novos apartados e abondosos exemplos de uso, sen dúbida moi útiles para aqueles que desexen aprender o galego tamén na súa realidade máis conversacional. O libro conta, amais, cun prólogo no que Francisco Fernández Rei destaca o longo vencello de Asaka con Galicia desde hai décadas e fai un cumprido repaso da súa produción lingüística e literaria arredor da nosa lingua.

Por parte, a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte do poemario Os Eidos de Uxío Novoneryra posibilita o coñecemento polo público nipón dunha das obras cimeiras da poesía galega de posguerra. Publicado orixinariamente en 1955, Os Eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nel a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, tanto na súa dimensión material coma inmaterial, tanto no relativo á xeografía ou á meteoroloxía, á botánica ou á zooloxía, como desde unha dimensión cósmica e pannaturista. A edición conta cunha cuberta de Xosé Vizoso e cun documentado e revelador prólogo de Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do courelao, quen dá conta da especial significación destes versos e destaca a súa natural proximidade coa lírica do haiku, tan definitoria da cultura xaponesa.

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Guía de conversación en galego (1994) ou o Vocabulario básico da lingua galega (1995). Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou o seu Xograr Martín Codax (2015).

Este esforzo de proxección da lingua e a literatura galegas por terras do Oriente complétase agora coa presentación da Nova gramática galega para xaponeses e mais a edición bilingüe do poemario Os Eidos de Uxío Novoneyra, dúas publicacións que apoia a Secretaria Xeral de Política Lingüística a prol da proxección exterior da lingua e do estreitamento dos lazos entre as culturas galega e xaponesa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar