Rueda recibe ao novo delegado saharahui en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo a primeira reunión de traballo co novo delegado saharauí en Galicia, Saad El Mami Ahmed Salem, para avaliar as liñas de cooperación abertas polo Goberno galego cos campamentos saharauís. No encontro tamén participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), Maite Isla.

A poboación dos campamentos saharauís ten a consideración de prioritaria dentro das actuacións da cooperación galega, tal e como se recolle nos diferentes plans directores desde 2006. Así, no ámbito da cooperación a Xunta ten investido nestes anos máis de 1,1 millóns de euros en financiar actividades no Sáhara, fundamentalmente relacionadas coa axuda sanitaria ou de emerxencia alimentaria, aínda que tamén se teñen apoiado outros proxectos, como por exemplo os relacionados con actuacións hidráulicas ou de enerxía renovable.

A isto súmanse outras liñas de cooperación abertas noutros departamentos da Xunta, entre os que destaca a consellería de Sanidade que, desde 2010, presta atención sanitaria aos menores que participan no programa ‘Vacacións en Paz’ que organiza cada ano Sogaps. Neste período, ten realizado intervencións por valor de máis de 1,4 millóns de euros.

Ademais, para seguir afondando nesta colaboración, a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Política Social asinaron este ano con Sogaps un convenio por importe de 150.000 euros que ten como obxectivo sufragar os gastos do traslado dos menores saharauís que participan no programa de ‘Vacacións en Paz’ en Galicia.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar