Festival de gaiteiros galegos en Guitiríz

 

Un ano máis a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), a
través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas en Guítiriz, Lugo, para organizar a que será a
“XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional”.

 

A mostra, que cumpre xa 24 anos, abre de novo as súas portas para acoller durante esta fin de semana a exposición de 26 artesáns. Consagrada como a máis antiga e importante da Península
Ibérica, é un referente indispensable da música tradicional onde se pode ver un amplísimo abano de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, frautas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns… Os artífices destes instrumentos, traballan día a día nodesenvolvemento de novas liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionartécnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos seus produtos.

Todo este traballo fai posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no
mundo enteiro e que a nosa música goce da boa saúde que ten na actualidade.

Como nas pasadas edicións, na mostra non faltará ademais a música e o baile tradicional, que
estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo e obradoiros.
“XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional”.

O sábado ás 17.00 horas terá lugar a apertura da mostra, nesta ocasión teremos o pracer de
contar co gran Mestre Antón Corral, a quen teremos o pracer de escoitar no pregón.
Antón Corral toma contacto coa música moi novo. Os seus dotes permítenlle ingresar na
Banda de Infantería de Santiago, onde perfecciona a técnica de clarinete, óboe, saxo tenor ou
gaita. En 1957 volve a Lugo, dá clases de gaita e forma parte de grupos como Os Montes. En
1959 casa con Isaura Fernández e faise viaxante comercial. En 1973 convértese en construtor
de gaitas e pronto é o artesán da Deputación de Lugo con Jesús Pérez. En 1979, xa en
Ortigueira, forma parte do proxecto do septimino, dirixe a escola de instrumentos tradicionais e
crea o seu primeiro grupo didáctico. En 1981, en Lugo de volta, rexenta o taller “Soutelo de
Montes”. En 1983 é o guía da escola de instrumentos tradicionais da UP en Vigo; alí xeraríase
toda unha estirpe de músicos e artesáns. Dende o 2008 reside en Tui, onde forma ao seu neto
Ramón Corral, actual artesán do Obradoiro Antón Corral.

Para continuar a xornada, as 18:00 horas, poderemos desfrutar do virtuosismo da xove promesa
do violín Fernando Meireles. Na ruleta rusa dos xenes, o talento fica moitas veces de fóra.

Outras, como quen finta a bioloxía con toques de expresión artística, parece chegar en
herdanza directa. Fernando Meireles é un exemplo claro desoutras veces. Fillo dun reputado
instrumentista (e construtor de instrumentos) portugués, de quen tamén herdou o nome, o
músico de 10 anos é xa unha promesa confirmada na interpretación do violín. Na Mostra tocará
ao lado do pai, nun concerto que promete ser frenético e singular, percorrendo a memoria de
varias tradicións musicais, tanto portuguesa como europeas. As 19.30 horas, será o momento de saber quen será o afortunado gañador do sorteo do tambor, xenerosidade do artesán Xaneco, quen doará o instrumento.

A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra, seguido ás 12:30
horas dun Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a
oportunidade de desfrutar e coñecer mais sobre esta formación instrumental típica da comarca
do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous
bombos de grandes dimensións, e que ao longo do pasado século foise modificando,
aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Montse Rivera,
Directora durante cerca de 9 anos do corpo de baile e pandereteiras da Agrupación Folclórica
Cantigas e Agarimos, e dende o 2012 ata a actualidade leva a direción do Grupo de Baile
Brincadeira. Desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto
tradicional galego tanto a nivel nacional, como internacional.

Dende o ano 1989, forma parte do grupo de pandereteiras Leilía. Poseedora dun valiosísimo
arquivo audiovisual froito de máis de 20 anos de investigación etnográfica, actualmente
compaxina a súa vocación docente coa participación como xurado na sección Vai de Baile do
programa Luar da TVG, o asesoramento na confección de traxes tradicionais no
establecemento De Cotío, e a actividade artística como compoñente grupos Leilía e Pesdelán e
como atriz na obra Moendo Muiñeiras.

Mais tarde, ás 18:30 horas actuará o grupo de música tradicional galega Os Viqueiras, nado en
Ordes (A Coruña) como cuarteto tradicional nos anos 90, fundado por Manuel Viqueira
Vieites, o gaiteiro de Vilaverde. No 2011 publicaron o seu primeiro disco: “Noites de Tasca” e
hoxe veñen a estrear o seu segundo traballo, un libro-CD titulado VILAVERDE, que recolle
pezas propias da comarca de Ordes. Para os concertos, Os Viqueiras presentan unha renovada
formación de quinteto, con gaita, clarinete, acordeón e percusión, formada por Manuel
Viqueira (fillo), Serxo Nunhes, Alberte Núñez, José A. Vázquez e Beni Brecha, cun aire folk
e pezas moi bailables.

E xa para rematar a xornada da tarde, ás 19.30 horas realizaremos o sorteo dunha gaita de buxo
feita e doada por “Os canallas”. Un traballo colaborativo de Alberto Pires, Oli Xiráldez,
Queima, Afonso Castro, Luis O Xaneiro e Patricia González.
Ademais das actividades previstas disporemos dun escenario libre durante os dous días para
músicos que desexen tocar ou artesáns que queiran facer algunha demostración.

 

 

 

ARTESANS PARTICIPANTES

Asociación de Gaiteir@s Galeg@s – Organización
Xaneco – Percusión e Zanfonas – Outeiro de Rei
Oli Xiráldez – Gaitas e Requintas – Calo-Teo
Tunhas – Percusión Tradicional – Ames
Alberto Pires – Gaitas – Pontesampaio
Queima – Instrumentos Tradicionais de Vento e Percusión – Redondela
Pablo Carpintero – Reprodución de Instrumentos Antigos, Percusión, Gaitas e
Requintas – Compostela
Master Gaita – Gaita Electrónica – Sada
O Chilro – Percusión e Gaitas – Cambados
Xermán Arias – Luthería e Zanfonas – Sarria
Afonso Castro – Gaitas – O Rosal
Obradoiro de Gaitas Seivane – Construción de Gaitas – Cambre
Foliqueiras – Percusión Tradicional – Vigo
Obradoiro Antón Corral – Instrumentos Populares Galegos – Tui
Miguel Rivas – Percusión e Vento – Vigo
Nebra – Gaitas e Zanfonas – Porto do Son
Obradoiro de Gaitas Carlos Fandiño – Gaitas – Teixeiro
O Reberete – Vento e Percusión Tradicional – Amoeiro
Miguel Mosquera – Gaitas, Frautas e Pito Pastoril – Sarria
Iago Salgado – Instrumentos Tradicionais – Teo
Julio Fernández – Instrumentos de Vento – Beluso-Bueu
Manels Percusión – Percusión Tradicional – Ordes
Fernando Meireles – Corda Portuguesa e Zanfonas – Coimbra
Che Vázquez – Birimbaos, Trompas, Frautas e Instrumentos Tradicionais – Brión
Pablo Morales – Instrumentos Tradicionais Aragoneses – Zaragoza
César Loureiro – Construtor de Zanfonas – Marín

PROGRAMA DA MOSTRA

 

 

Sabado día 5
17.00 horas – Apertura da mostra.
17.00 horas – Pregón – Antón Corral
18.00 horas – Concerto – Fernando Meireles
19.30 horas – Sorteo
Domingo día 6
11.30 horas – Apertura da mostra
12.30 horas – Obradoiro de Treboada – Oli Xiráldez
17.30 horas – Obradoiro de baile tradicional – Montse Rivera
18.30 horas – Concerto – Os Viqueiras
19.30 horas – Sorteo
A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana, cun horario de 17.00 a
21.30 o sábado, mentras que o domingo será de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas.
Todas as actividades, terán lugar no recinto do Festival de Pardiñas que organiza a A.C. Xérmolos de Guitiríz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar