A serra, polas alturas

Foi polas Serras cantado unha canción asturiana e, de volta, polas mesmas serras,  dende o Xurés á Capelada e ao Xistral, escoitaba o canto dos fados que levaba gravado nun `pincho´ conectado directamente ao seu enorme teléfono móbil. As serras setentrionais de Galicia, conectan a chaira luguesa co mar Cantábrico e crean na zona unha diversidade de enorme riqueza e igual beleza. Se andamos polas alturas da Fonsagrada, polas serras dos Ancares e do Caurel, veremos unha Galicia diferente. Nestas terras orientais todo parece outra cousa, para algúns, moito mellor e, para outros, peor.

Detrás da Ouribio, unha serra de Triacastela pola que atravesaban os feirantes co gando cara o vinte e oito, hai outro alto impoñente, o Alto da Pedra, onde se deixa  ver o mundo tal como é. Por un lado os tesos cumes do Caurel  de Novoneyra, polo outro, a bremanza de Fiz Vergara Vilariño, e no medio, mesmo ao carón, a temperanza e a moderación dos labregos que xa non son, de Bustofrío, de Praducelo e de Pedrafita, deste pequeno lugar con cinco casas cubertas polo mesmo teito de lousa propia.

Este mundo da serranía, segue polos montes surorientais, a serra do Eixo, con Pena Negra, Pena Surbia e Pena Trevinca tocando ao ceo, a máis de dous mil metros de altura; Cabeza de Manzaneda e a serra de San Mamede, que agocha, na súa ladeira norte, ao bidueiral de Montederramo e que, dende o século XII, tórnalle o frío ao mosteiro de Santa María, outra das marabillas do románico, da arquitectura de Galicia. Beleza volve ser a palabra. Sen dúbida, a máis adecuada para referirse á importantísima diversidade biolóxica e paisaxística coa que contamos.

Decontado entramos nas serras do Xurés e do Leboreiro, entrelazando a Galicia con Portugal, as súas terras, os seus produtos, a lingua e a cultura. Impresionante todo o que as rodea, os lugares, as construcións, os ríos grandes e pequenos, todo. Absolutamente todo é impresionante nestas terras de altura e nestes vales de regadío e clima especial, nesta liña quebrada de encontro dos galegos cos veciños de Portugal e dos tempos de hoxe coa prehistoria. Temos tamén o Macizo Galaico, a serra da Cova da Serpe, a do Faro e serras, no Morrazo e no Barbanza, mirando como os navegantes, tranquilamente, van polo Atlántico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar