Orixe, presente e futuro das romarías galegas

Na orixe e sendo preciso co idioma, chamábaselle “romeiro” a quen se encamiñaba a visitar a tumba de San Pedro e a celebrar ao primeiro Apóstolo en Roma. Ao cabo do tempo a mesma palabra deu lugar a “romaría” e aplicouse o nome de “romeiros” aos que, andando, en gran promenade que dirían os bretóns, concorrían á festa campestre, a ceo aberto, argallada a redor dunha ermida na que se agasalla á imaxe dunha santiña ou dun santo. Agora nin iso, abonda co xantar en grupo e a ceo aberto. Niso da romaría ou festa campestre Galiza é o número un. En festas, feiras e romarías e canto supoñen de músicas, folións e toldos, non hai quen nos gañe, mesmo exportamos e mellorase o modelo no sur. E como as tradicións transitan por bos ou ruíns camiños, os fundamentos da celebración das romarías, inicialmente dedicadas a ídolos, despois a santiños, pasaron a produtos gastronómicos, e velaí festas do pulpo, do carneiro ao espeto, do polo de curral, do percebe, dos pementos… tampouco faltarán as dedicadas aos saberes artesáns, nin con eses argumentos históricos que sacamos do estudo ou da manga. E arredor dese encontro, de feira, festas e romarías, tal cal poñía no encabezamento dos vehículos de transporte, naceron e medraron vilas, encrucilladas de camiños de ida e volta polo mapamundi. A romaría está na orixe da festa e toda festa, no principio ou no fin, terá a súa romaría.

O escenario da romaría será a natureza, a campa, a ribeira dun río, entre grandes penedas, si acaso coa acolledora carballeira. Quizais por algures asome a concorrida fonte de auga considerada milagreira e o sartego de pedra que foi do ermitán misioneiro, ebrio de Deus, que cristianizou o lugar. As lendas sobre o acontecido alí non faltarán, que si a Virxe peregrina, que si o Apóstolo, que si a aparicióndun corpo santo…

Sobre as orixes festivas nestes confíns sabemos polos cronistas grecolatinos do cambio de era, especialmente Strabón, das costumes dos para eles “célticos” e celtíberos, contradinse tamén, din que eran ateos e noutras que tiñan divindades locais, ás que dedicaban sacrificios, hecatombes, ao xeito grego; que ensaiaban pelexas ximnásticas, que beben zythos, elaborado con froitos (quizais sidra ou cervexa), dis tamén que eran escasos en viño e o que conseguen gástano axiña en festas, que tocan unha frauta semellante ao seu aulós e que nas noites de plenilunio repartían, por orde de idade o xantar, danzaban en roda e caen de xeonllos…

Entre os século V e VI, cando inza o monacato en occidente, orientado por unha nova intelligentzia de competentes ex soldados romanos, coñecedores das doutrinas dos santos padres de Alexandría, de Antioquía, formados en seminarios como o da Tebaida, orixe dun cristianismo con herdos exipcios, orientais, visible nos coptos que aínda perduran, a pesar das persecucións islámicas. Entre aqueles opanonio, húngaro, Martiño que será bispo dos galos en Tours, como o aquitano Sulpicio Severo e sobre todo o exipcio Pacomio, misioneiro nas Galias, como Gregorio de Toursa consellaban, “vaiamos a aqueles lugares de cultos pagáns e poñamos sobre eles altares cristiáns e permitamos que fagan festas”. Festas que propician o encontro, que avivan as relacións e a civilización. Romaría que é interacción de paisaxe e paisanaxe, parte dese panteísmo que levamos no xenes, co que experimentou, tamén por aquel tempo e por aquí, Prisciliano, conxugando herdos orientais, célticos co novo cristianismo, pero os máis papistas fixeron del heresiarca e decapitárono enTréveris.

A cultura galega está feita nestas bregas, velaí a gaita e o pandeiro, nacidos para tocar e tanxer en escampados, entre as penedas e as árbores, quérense ceibes, nunca en lugares pechados, nos que abouxan contra as paredes e os ouvidos, a súa catedral natural está baixo o abovedado ceo, sobre a Terra ou mesmo no mar, conxugándose co horizonte infindo.

En Galiza, ao longo de todos os días do ano e por todas partes non faltan romarías e xa houbo máis das que hoxe hai, pese a tanto novo invento argumental. Calquera mártir das catacumbas ou fora delas, calquera santiño ou santiña celebrada no almanaque tiña a súa festa ou varias. Non digamos as celebradas Santas Marías, da Franqueira, da Lanzada, de Amil, dos Milagres, do Carme? ou Santa Marta de Ribarteme, os San Benitiños de Lerez, de Paredes, do Marañao, os San Antoniños ou os San Roques… e aínda eses outros santiños e santiñas de orixe galego que nin foron aprobados oficialmente pola Santa Madre Egrexa ou si acaso apartados, pero igualmente milagreiros, San Paio, San Wintila, San Froilán, San Rosendo, Pedro de Mezonzo, Mariña, Francisco Blanco?

Romarías en sobranceiros lugares, onde se sinte o pouco que é o ser humano, alturas dende as que se ollan paisaxes inmensas, si acaso rebordecháns con restos dun megalito ou dun antigo castro, ermos ou cubertos con esas penedas a xeito de monstros labrados polos anos. As máis con carballeira, senón ao pe do mar, dun río e case sempre sen faltar a fonte. Campo presidido pola ermida: o Faro de Chantada, O Viso de Lobeira, o Chamorro, San Xiao de Trebo, San Adrián de Malpica, a Lanzada, Nosa Señora da Cela de Monfero, Nosa Señora da Guía de Ribeira, a Mercé da Sainza, Teixido, a Pastoriza, as Cabezas de Meis, Nosa Señora de Gundián, o Cristal, San Bastián do Pico Sacro, San Xián do Aloia, a Barca de Muxía, Nosa Señora da Armada en Celanova, as Cadeiras de Sober, o Corpiño de Lalín, Santiaguiño do Monte, as Penas de Rodas en Outeiro de Rei, Nosa Señora dos Ollos Grandes en Pantón, o Tegra da Garda, San Miguel de Breamo, O Castro de Taboada, San Alberte de Parga, San Campio de Entíns, San Antoniño de Campo Lameiro, a Santa Cruz de Leiro, a Santa Isabel de Outeiro de Rei, os Remedios de Xestoso, Santa Margarita de Montemaior en Bergantiños, San Mateo de Guitiriz, O Naseiro de Viveiro, os Caneiros de Betanzos, a Romaría Viquinga de Catoira… as mil e unha romarías.

Pintoresquismo de noutrorano que non faltarían as ringleiras de fregueses, camiñando tras o acordeón ou a gaita, por medio algún aturuxo, mozos coas cestas de empanada na testa, os gueipos coas viandas, a bota de viño a correr de bico en bico. Esperando, nunha e noutra banda da campa as rosquilleiras, os barquilleiros polo medio e o vendedor de pitos de barro e viraventos… os telderetes e as caldeiras das pulpeiras a fumegar, que non faltaba xunto coa carne ao caldeiro, as bombas de palenque ao mediodía, no centro da misa solemne o repenique das campás e a procesión da santiña ou do santiño, cuberto polos billetes de cartos, levado en andas polos mozos que agora escasean… a poxa das ofrendas, os lacóns, os polos, as cestas de ovos… Arqueoloxía suplantada polos aparcadoiros de coches, o fume espeso do churrasco ou da sardiñada, o po, berros, batukadas, botellas de plástico, decibelios, os palcos das orquestras e as gogós… móbil na man e foto… e como remate do encontro a invasión do tumulto mozo do botellón, as xiringas de viño tinto e as batallas de bolos de pan… Xesús, Xose e María, santíguanse os vellos… e collen camiño de volta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar