O PP de Teo critica as segregacións do bipartito municipal

José Manuel Guerra, concelleiro popular de Teo.

Un recente informe técnico bota por terra o bloqueo exercido polo Concello de Teo respecto das segregacións, que ten suposto máis dun ano de impedimentos do executivo local á división de parcelas e a reiterada obstrucción ás iniciativas do grupo popular para permitilo. O argumento esgrimido reiteradamente polo alcalde para prohibir as segregacións -así o fixo por última vez no pleno do pasado xuño-, era que a Lei do Solo non o permitía. O informe xurídico dictamina exactamente o contrario.

O Concello de Teo recibiu o pasado venres un informe técnico da Xunta no que se detalla nidiamente que, segundo o establecido na Lei do Solo aprobada en febreiro de 2016, está permitido realizar segregacións de parcelas. Cunha extensa e sólida argumentación legal, o equipo técnico do departamento de Urbanismo deixa claro este extremo, tal e como dende o principio ven defendendo e explicando á veciñanza o grupo popular teense. Deste xeito, o contido do informe demostra que o alcalde, Rafael Sisto, e a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, estiveron a enganar a veciñanza e aos partidos da oposición dende o primeiro momento.

Os populares consideran “moi grave” a forma de actuar do bipartito cun modus operandi baseado na prepotencia e a falacia, quedando agora en evidencia o permanente engano á veciñanza no que se instalou o executivo local, máis interesado na confrontación coa Xunta que en solucionar o problema. Convén recordar que, tras as primeiras queixas dos veciños de Cacheiras hai máis dun ano, o alcalde Sisto arremeteu contra a nova Lei do Solo e convidou á veciñanza a recoller firmas en contra da Xunta.

Segundo explicou o executivo local dende o primeiro momento, a única solución pasaba por unha modificación da Lei do Solo. Pero en realidade, en base á información recopilada polo grupo popular, todo pasaba pola vontade do goberno local, tal e como se confirmou no mes de marzo, cando a propia concelleira Lemus admitiu que o Concello tiña a ferramenta legal para poder facelo, logo das iniciativas e presións dos populares.

O grupo municipal popular levou a pleno dúas iniciativas coas que permitir a segregación. A primeira, en marzo, foi bloqueada polo alcalde por unha cuestión de formas e non se admitiu a trámite. A segunda, en xuño, rexeitouse novamente en pleno cun discurso prepotente, novamente combativo coa Xunta e sen ánimo de actuar para a busca dunha solución.

Coñecido este informe, José Manuel Guerra manifesta unha “profunda satisfacción” polo que supón “desenmascarar un engano permanente tanto aos veciños de Cacheiras que pediron amparo como a todos aqueles afectados pola cuestión” e lamenta que “esta situación revele unha forma de actuar prepotente e errática dun goberno que prefire a confrontación á solución”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar