A Feira do Libro da Coruña inicia a sua 46 edición

A Feira do Libro da Coruña abriu as portas da súa cuadraxésimo sexta edición, que ofrecerá un programa de máis dun cento de actividades ata o vindeiro 10 de agosto. Algúns dos escritores e escritoras máis destacados de Galicia participarán durante os próximos días neste encontro, que conta con preto de 40 stands para ofrecer un completo panorama do ámbito editorial, cos títulos máis recentes.

Os xardíns de Méndez Núñez volven ser o escenario desta “festa da palabra e da cultura”, como a definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración, que tivo lugar esta mañá e na que tamén participaron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o concelleiro de Cultura do Concello da Cultura, José Manuel Sande, e a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín.

“As Feiras do Libro de Galicia teñen na cidade herculina unha cita de referencia, grazas á excelente acollida que cada ano lle brindan os veciños e veciñas do municipio, así como as persoas que visitan A Coruña durante a celebración feira”, recordou o secretario xeral, quen puxo en valor o encontro para fomentar o hábito lector entre a cidadanía e para dinamizar o comercio interior do libro.

A boa acollida de público coa que vén contando a Feira do Libro da Coruña tradúcese este ano nunha oferta cultural con máis de 100 actividades para promover o libro e a lectura, entre as que non faltarán as habituais presentacións e sinaturas de libros, xunto con contacontos, exposicións, visitas guiadas, obradoiros espazos de debate etc. Este programa contará coa participación dalgunhas das voces máis recoñecidas do panorama literario galego, como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Elena Gallego, Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre e Andrea Maceiras, entre outros.

A programación da feira, que contou co pregón de Cristina Ameijeiras-Sáiz, directora da Biblioteca Municipal Ágora, abrirá esta tarde coas presentacións das obras O xogo de Babel (Edicións Xerais), de Elena Gallego Abad; Meu avó, rei das pequenas cousas (Hércules de Ediciones), de J. Manuel Ribeiro; Costa do solpor. O regreso da Illa do Tesouro (Edicións Xerais), de Xosé Mª Lema; e Conto x conto (Baía Edicións), de Anxo Moure.

Ademais das sinaturas de Catro xoguetes, con Anxo Fariña, e ¿Cómo somos los gallegos? Depende, con Manuel Guisande, tamén se presentará a exposición fotográfica O cárcere… en 15 impactos, que incluirá un recital de poemas de Rafael Bárez. A primeira xornada da feira rematará cunha charla arredor da Terra, impartida por Xurxo Mariño baixo o título Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo.

As portas da feira estarán abertas do 1 ao 10 de agosto de 11,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas. Na fin de semana, o peche en horario de mañá será ás 14,30 hroas.

FEIRAS DO LIBRO

Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, as Feiras do Libro de Galicia botaron a andar a súa programación de 2017 o pasado 31 de marzo no municipio ourensán de Verín, cun percorrido que proseguiu polos concellos de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Mondoñedo e de Ponteareas.

Logo do seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia chegarán no mes de agosto á a Viveiro, do 13 ao 16; a Foz, do 17 ao 20; e a Monforte de Lemos, onde concluirá a edición de 2017, entre os días 23 e 26.

O calendario completo das feiras pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar