Unhas 150 aeronaves sobrevoarán Lugo do 21 ao 25 no Criterium Aeronáutico

 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luís Abelleira, e ao Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, presentaron este mércores, o XII Criterium Aeronáutico 2017, que organiza o Real Aeroclub de Lugo e que se celebrará do 21 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. O evento coincidirá ademais coa XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.

No acto, a Alcaldesa de Lugo, quen felicitou a Luis Abelleira polo recoñecemento da Cruz ao mérito aeronáutico, que vén de recibir a semana pasada pola traxectoria de 50 anos dedicado ao aeródromo de Rozas e á aviación deportiva; subliñou a oportunidade económica e promocional que supón este Criterium para Lugo. Así mesmo, puxo en valor o esforzo tanto do Real Aeroclub por levar a cabo un ano máis esta cita domo da Deputación por apostar por ela. Para rematar convidou á cidadanía a achegarse ao Criterium e desfrutar en familia desta alternativa lúdica deportiva como a visitar a cidade

Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante revulsivo económico, xa que reunirá a máis de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, pernoitando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.

Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é “achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”, remarcou.

O Criterium Aeronáutico é unha cita deportiva consolidada no panorama nacional, na que se darán cita en Rozas máis de 150 aeronaves. A XII edición do Criterium Aeronáutico conta cunha ampla programación de actividades dirixidas a todas as idades. Haberá voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drones, voos en globo aerostático, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, así como sorteos de voos gratuítos.

As persoas interesadas en inscribirse nalgunhas das actividades, como o salto en paracaídas, deberán reservar a praza en criteriumaeronautico@aerolugo.es ou no 982 21 01 14.

XXXIV Volta aérea a Galicia

A XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense celebrarase os días 21 e 22 de xullo, xunto ao resto de actividades do XII Criterium Aeronáutico Galicia 2017. Constará de dúas etapas sinxelas con orixe e destino no aeródromo de Rozas. Aínda que a programación inicial prevé a realización dunha etapa o venres e outra o sábado, as tripulacións que non poidan chegar a tempo o venres poderán realizar as dúas etapas o sábado.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto