Medio Ambiente inicia a tramitación do Plan Básico Autonómico

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia a tramitación ambiental do Plan Básico Autonómico. Na páxina web da Consellería pódese acceder ao borrador do Plan Básico Autonómico, un documento que recollerá as delimitacións das afeccións derivadas da lexislación sectorial que inciden sobre o territorio e incluirá os instrumentos de ordenación do territorio (plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal).

Tamén identificará a totalidade de asentamentos de poboación existentes en Galicia, que son 33.000, polo que se contará cunha completa diagnose da situación territorial de Galicia, cunha foto precisa do urbanismo da Comunidade en 2017. Este traballo estará realizado por capas, o que facilitará a consulta específica e unha constante actualización.

O seu ámbito de aplicación abrangue a totalidade da comunidade e será de directa aplicación nos concellos que carezan de planeamento e terá carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos nos que exista, suplindo as posibles indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente.

Xustificación e procedemento

O Plan Básico Autonómico virá a substituír ás Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais, aprobadas no ano 1991, polo que a súa redacción está xustificada no feito de que xa transcorreron máis de vinte cinco anos da súa entrada en vigor e tres leis do solo de Galicia de por medio.

Este documentos introduciron profundos cambios a prol da conservación efectiva dos espazos non aptos para acoller edificacións alleas á súa natureza; así como os cambios operados dende o punto de vista da sustentabilidade , polo que suxiren un novo marco xenérico da regulación urbanística na Comunidade capaz de adaptarse á nova realidade urbanística e de servir de apoio a todos os concellos, co fin de que poidan desenvolver un planeamento básico para satisfacer as súas necesidades de ordenación.

A solicitude de inicio da tramitación ambiental supón o punto de partida para a aprobación definitiva do Plan Básico Autonómico, prevista para mediados do ano 2018. Previamente, someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse os informes sectoriais preceptivos, así como informe determinante dos concellos afectados.

Tamén se establecerá unha rolda de contactos coa federación Galega de Municipios e Provincias e cos concellos para ofrecerlles información sobre este instrumento de ordenación.

Plan básico municipal

Compre lembrar que a xunta tamén traballa noutro proxecto de ordenación, que a Lei do solo e o Regulamento que a desenvolve tamén o recolle. É o Plan Básico Autonómico encaixa como un paso intermedio imprescindible para conseguir que cada concello posúa unha ordenación operativa do seu territorio.

Así, en desenvolvemento do Plan Básico Autonómico, elaboraranse os Plans Básicos Municipais, para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral. Estes instrumentos constitúen unha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Deste xeito, dotaranse todos os concellos galegos dun instrumento urbanístico básico que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Asemade, co desenvolvemento destas ferramentas urbanísticas, a Xunta avanza no camiño para dar resposta a tres grandes obxectivos: ningún concello sen plan xeral, promover o desenvolvemento ordenado e sustentable do medio rural, para posibilitar a súa posta en valor, e protexer a paisaxe.

Un esforzo no que se vén traballando desde o ano 2009 e que acadou un fito importante o pasado ano, coa entrada en vigor da Lei do solo e, seis meses despois, a aprobación do seu propio regulamento.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto