Homenaxe a Carlos Casares na Insua dos Poetas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na homenaxe que a VIII Festa da Palabra lle rendeu a Carlos Casares na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño. A cita, xa consolidada na axenda cultura do verán en Galicia, recorda neste 2017 a figura do homenaxeado co Día das Letras Galegas, Carlos Casares.

Sobre o escritor ourensán, Román Rodríguez salientou “o importante traballo que Casares fixo ao longo da súa vida para o fomento do libro e a lectura en Galicia” e destacou que, como intelectual, escritor e axente cultural, é “un dos artífices desta Galicia que pode asumir os retos do século XXI.”

Por outra banda, e referíndose ao propio espazo físico no que se desenvolve o acto, o conselleiro congratulouse do feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar no que a literatura dialoga coas artes plásticas e no que a homenaxe a escritores se converte tamén en recoñecemento ao traballo e creación dos máis relevantes escultores contemporáneos da nosa terra, cuxa obra convive coa natureza neste espazo situado na parroquia de Madarnás. Neste sentido Román Rodríguez felicitou á Fundación polo seu bo facer e contribución ao enriquecemento da nosa lingua e cultura, cualificando a Ínsua dos poetas como “un territorio cultural de primeira magnitude.”

 

BALTAR

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na Festa da Palabra que somos “unha nación cultural, a mellor definición de Galicia, integradora e solidaria, na que loitaron os nosos devanceiros”, citando como exemplo as achegas sociais e intelectuais de Curros, Lamas Carvajal, Vicente Risco, Otero Pedrayo¸ Cuevillas, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Antón Tovar e Carlos Casares.

Nesta edición o protagonista foi Carlos Casares, “cuxa memoria seguiremos a honrar pola súa personalidade e a súa obra, orgullosos como estamos do noso escritor, editor, xestor cultural con ideas renovadoras e proxectos participativos, e tamén, como non, do cidadán comprometido politicamente,”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que Casares “está sempre presente na Ourensanía, un territorio e un sentimento que trascenden os lindes desta provincia e que debe ser tomado como o que é: a mellor maneira de sermos galegos”.

No decorrer do acto entregáronse os premios Setecarballas da Insua dos Poetas, que este ano recaeron en Antón Pulido, en Miguel Anxo Fernán-Vello, o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, a plataforma Ríos Limpos, Carlos Guitián, o Diario Cultural da Radio Galega e o grupo de teatro Tiruleque. Do mesmo xeito, deuse a coñecer a nova homenaxe escultórica coa que contará a partir de hoxe Carlos Casares neste espazo cultural. Trátase dunha creación plástica do artista Manuel Buciños que leva o título dunha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, Vento Ferido.

Entre outras autoridades, no acto participaron o alcalde de O Carballiño, Francisco José Fumega; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o presidente da Fundación, Luís González Tosar.

Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou as figuras de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015) e Pura e Dora Vázquez (2016).


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto