Baltar analiza con tres alcaldes os danos da sarabia

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial aos alcaldes de Sandiás e Xunqueira de Ambía e ao tenente de alcalde de Vilar de Barrio, con que analizou as consecuencias que a sarabia ten provocado nos cultivos agrícolas dos concellos de Xunqueira de Ambía e de Vilar de Barrio, onde tamén son titulares de explotacións residentes no Concello de Sandiás.

Manuel Baltar acordou que persoal técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, dependente do Inorde, avaliase urxentemente as perdas. Con eses datos proporíanse as actuacións correspondentes que pasarían pola implicación da Xunta de Galicia coa declaración de zona de emerxencia e medidas derivadas, e mesmo a negociación con entidades bancarias, establecendo liñas de microcréditos para os titulares das explotacións. “As administracións públicas somos conscientes da incidencia do pedrazo na economía destas áreas agrícolas da provincia de Ourense, xa que preto de medio cento de familias están a ver en risco a viabilidade da súa colleita coas perdas económicas que provoca”, afirma Manuel Baltar.

A produción de pataca e cereal é un elemento clave na economía da comarca limiá, así como unhas das máis importantes de Galicia, por iso o sector agrícola require o estudo e a adopción de medidas que axuden a paliar os danos ocasionados, algo no que coincidiron hoxe o presidente da Deputación e os alcaldes dos concellos afectados.

Manuel Baltar informou tamén ás tres administracións locais representadas da inclusión dunha moción dun grupo político sobre esta cuestión na orde do día da sesión plenaria da corporación provincial do vindeiro 28 de xullo,

 


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto