As “Noites teatralizadas” en Pazos de Arenteiro difudirán a sua riqueza patrimonial

O Concello de Boborás dará a coñecer a riqueza cultural e patrimonial da súa aldea Pazos de Arenteiro a través das “Noites teatralizadas” que se celebrarán todos os venres, do día 14 de xullo ata o 15 de setembro, ás 22.30 horas, unha actividade para todos os públicos e de balde. A presentación desta proposta cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e o representante da Asociación Cultural Plan B, Darío Rodríguez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que esta iniciativa cultural amosará “o universo medieval baixo a influencia da encomenda de Pazos de Arenteiro que é un dos fíos básicos dunha alternativa lúdico-cultural a desenvolver con base no século XIII: unha época marcada polo papel preponderante da Igrexa nas sinerxías socias dese tempo”. Rosendo Fernández dixo que se trata de “poñer en valor e de dar a coñecer o noso patrimonio, tanto aos turistas coma aos propios veciños, para que a través do teatro, poidan descubrir os lugares máis emblemáticos da zona antiga desta aldea”.

Cada visita durará unha hora aproximada e ten “varios piares fundamentais: a interacción co público, a música en directo que lle dará máis espectacularidade e o compoñente lúdico, aínda que tratamos tamén de facer unha experiencia didáctica para ensinarlle aos espectadores o que foi Pazos na Idade Media”, explico Darío Rodríguez, quen asegurou que será tamén importante “o factor sorpresa”.

Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622, xa que o aforo está limitado a 30 persoas. “Para as visitas de mañá xa temos o aforo cuberto”, dixo a tenente de alcalde de Boborás, quen destacou o papel que exerce o municipio a nivel provincial no eido cultural “organizando iniciativas para dar a coñecer o noso territorio”. Ademais, Patricia Torres dixo que para a o Concello de Boborás “a actividade cultural en xeral é unha cuestión fundamental porque cremos que a cultura ten que formar parte da vida dos nosos veciños e dos nosos visitantes, e que a cultura está ligada ao turismo polo tanto, toda actividade cultural que fagamos vai a incidir favorablemente no sector turístico do noso municipio”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto