A recreación dun xardín dun pazo galego, pramiada en Londres co “Silver Gilt”

 

A recreación dun xardín dun pazo galego vén de recibir a medalla Silver Gilt na modalidade de Xardíns do mundo, o máximo recoñecemento que se outorga aos xardíns participantes na prestixiosa exposición floral anual Hampton Court Palace Flower Show de Londres.

Baixo o título ‘O xardín segredo do Pazo’, este xardín é froito do traballo levado a cabo por Turismo de Galicia para promover un dos recursos turísticos de especial significación na Comunidade como é a Ruta da Camelia. Este xardín ten máis de 50 metros cadrados e recrea un patio dun pazo galego con esta flor, que posiciona así internacionalmente o recurso dos xardíns galegos asociados a esta ruta. Ademais, esta proposta presentada por Turismo de Galicia está a suscitar gran interese entre os milleiros de visitantes, entre os que se contou coa presenza da Condesa de Wessex, Sofía de Wessex.

Esta é a segunda vez que un xardín presentado por Turismo de Galicia obtén este recoñecemento, despois de que o ano pasado participase con ‘A Ruta da Camelia’, acadando un premio na máxima categoría. Con iniciativas como esta estase a pór en valor un recurso turístico de enorme potencial en Galicia, o da camelia, onde viven algunhas das máis antigas de España e algunhas das máis lonxevas de Europa. Galicia é, ademais, único destino en Europa con tanta variedade de camelias e con tanta tradición en coleccionismo.

 

Ademais, cada vez é maior o potencial internacional da Ruta da Camelia, unha ruta única no mundo e o itinerario especialmente deseñado en Galicia para percorrer a nosa comunidade de norte a sur a través de 12 pazos e xardíns públicos onde a camelia habita en todo o seu esplendor. Todos estes xardíns contan con sinalización turística propia para unha mellor identificación destes exemplares.

TURISMO DE GALICIA

Ademais de presentar este xardín, Turismo de Galicia conta nesta exposición floral cun posto informativo dende o que se distribúe información turística da Comunidade, con información específica sobre as diferentes experiencias turísticas das que gozar en Galicia.
A Hampton Court Palace Flower Show, na que participa Galicia, é a máis grande feira anual de xardíns e exposición de flores do mundo e está organizada pola Royal Horticultural Society (RHS). Na pasada edición participaron na feira 600 expositores, e foi visitada por máis de medio millón de visitantes. Celebrarase en Londres ata o vindeiro 9 de xullo.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto