A Coruña:
O Concello salienta o aumento de asistencias do Servizo de Atención Inmediata

As unidades de atención social realizaron no 2016 un total de 14.800 entrevistas a persoas usuarias e 600 visitas domiciliarias, o que supón un incremento dun 24% respecto ao 2015

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salientou esta mañá o aumento de persoas que foron atendidas o ano pasado nas catro Unidades de Atención Social do Concello, tras a ampliación do Servizo de Atención Inmediata. En concreto, durante o 2016 pasaron por este servizo, de atención sen cita previa e no mesmo día, un total de 5.902 persoas, o que supón un aumento do 361% respecto ao ano 2015, no que se contabilizaron 1.279 asistencias. Do mesmo xeito, e tal e como se recolle na Memoria de Xestión Municipal de 2016, a xeralización do servizo de atención inmediata permitiu diminuír nun 16% o número de entrevistas realizadas con cita previa e un 22% en visitas a domicilio, de xeito que, “ao tempo que as traballadoras sociais de referencia poden concentrar a súa intervención nos casos que precisan dunha maior intensidade, as persoas con necesidades que poden ser atendidas neste servizo reciben unha resposta moito máis rápida”, indica a responsable municipal desta área. No caso das catro unidades de atención social, realizaron ao longo do exercicio pasado un total de 14.800 entrevistas e preto de 600 visitas domiciliarias, o que supón un incremento do 24% respecto ao ano precedente. “Os Concellos, como administracións máis próximas á veciñanza, son os que deben poñer no centro o verdadeiramente importante: ás persoas, e ese é o noso firme obxectivo, no que levamos dous anos traballando con firmeza”, salienta a concelleira.

O documento dá conta tamén da importante baixada da demora pola cita previa, que se reduciu desd os 71 días do ano 2015 aos 18 do ano pasado. En canto ao programa do Talón Restaurante, os datos recollen un aumento do 8,33% no número das persoas usuarias. A este respecto, Cameán lembra que o Goberno local reformulou o programa, mediante a creación de dous tipos de talóns, para introducir achegas menores para as rendas máis baixas “e aplicar criterios de xustiza social”. “Este goberno municipal aposta firmemente polo fomento da promoción da autonomía persoal das persoas maiores”, destaca a concelleira.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto