BNG, camiño de Ítaca

Se houbo algunha imaxe recorrente nos discursos de X. M. Beiras no Día da Patria foi a dos “cánticos de serea” para sacar do seu rumbo cara Ítaca ao nacionalismo. Este ano a voceira do BNG, Ana Pontón, volveuna empregar, pero, moito máis clara e directa que Beiras, sen recorrer á mitoloxía grega, afirmou: “non sucumbimos aos cantos de serea que nos querían levar a outros mares”.

Era un berro de vitoria dun BNG que había un ano encaraba o seu futuro con moitas dúbidas, é, ao mesmo tempo, un claro indicativo do rumbo a seguir: “Galiza necesita unha organización que teña a cabeza e o seu corazón nesta terra”.

Si, a mensaxe que lanzaron os nacional-populares nesta celebración de 2017 foi unha aposta clara por unha organización sen dependencia e por Galiza como suxeito político con fe no seu futuro, sen caxatos nin parceiros alleos. Nada novo, se non pasara o que pasou.

Agora, o BNG ábrelle a porta a todos as galegas e galegos “que levan a Galiza no seu corazón”, para que se unan a esta organización na defensa do País.

A manifestación, unha das máis concorridas desta data histórica, foi unha mostra de que a idea que lanzou o BNG tivo boa acollida na sociedade. Nela estaban representadas a maioría das loitas sociais e laborais que se están a dar hoxe, como as de Ferroatlántica, sector do metal, 112, mariñeiros de Long Hope, emigrantes retornados, os bombeiros ou os traballadores do transporte e da sanidade.

Foi a presenza destes colectivos e dos novos militantes e simpatizantes que se uniron a organización desde as últimas eleccións, os que permitiron que a manifestación resistencialista do ano pasado, con menos de 10.000 participantes, chegase este ano aos 16.000.

Certo que tamén volveron a manifestarse moitos nacionalistas desencantados do que puido ser En Marea e non foi. Algúns aínda se seguen laiando por unha hipotética unidade “esquerdista” que se evidenciou historicamente imposíbel, e que, hoxe, cando os nacionalismos se perciben como os axentes políticos protagonistas dese cambio estatal e social, paréceo aínda menos.

Que non se laien nin sigan enxergando cara o pasado. O BNG deixou constancia neste Día da Patria que lles abre as portas a todos os nacionalistas, pero tamén, que non vai agardar por ninguén, nin perder o tempo buscando novos rumbos.

Non é que xa decidira o seu camiño, con vento en popa, senón que os que agora protagonizan a súa singradura e gobernan a nave nacionalista son unha nova xeración que xa comprobou como os cánticos de serea escachizaron a algúns en peiraos alleos. Non teñen as alforxas e pexas doutros, feridas de guerra nin lastres que lles impidan atracar no porto seguro da súa amada Ítaca, Galiza.

 

 Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar