A Deputación de Ourense avalía os danos do pedrazo na Limia

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de xullo, celebrada no Pazo Provincial, a elaboración dos informes necesarios para realizar unha avaliación urxente dos danos causados polo pedrazo, así como estudar a adopción de medidas para paliar, na medida das posibilidades e competencias da Deputación, os danos causados pola pedra. Asemade, de ser o caso, requirirá á Xunta de Galicia, se así o aconsellase a avaliación, a tramitación de zona de emerxencia das distintas zonas afectadas.

Asemade, a corporación provincial aprobou un convenio para ofrecer aos concellos da provincia un servizo de recollida de aceite de orixe doméstica. Os concellos que se adhiran delegarán na Deputación o exercicio das competencias de ordenación, xestión e prestación do servizo de recollida de aceite de orixe doméstico. As competencias deste convenio comprenderán a ordenación e xestión do servizo. Tamén contempla o convenio a instalación de colectores aptos para o depósito directo de botellas e envases de ata dous litros de aceite usado de orixe doméstica ou asimilado na vía pública, no lugar previamente concertado con cada concello. Asemade, establécese a planificación do servizo, coa recollida e transporte do contido dos colectores así como a súa limpeza, conservación e mantemento integral e o seu destino para a elaboración de biocombustible ou outros produtos mediante a entrega a un valorizador autorizado, e a realización de campañas de información e concienciación medioambiental.

O pleno aprobou tamén crear un programa de cooperación para os concellos da provincia, de menos de 20.000 habitantes, interesados no control e eliminación do gas radon nas súas instalacións, e que o goberno provincial, en convenio coa Universidade de Santiago, realice os estudos necesarios para controlar e erradicar o gas radon nos concellos adscritos previamente ao programa de cooperación.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar