A Luz da poesía

Entrañable señora das letras, Luz de nome, de noite e de día, Luz Pozo Garza da Mariña lucense, do seu Ribadeo natal, de Viveiro, de Madrid, de Lugo, de Marrocos, de Estremadura e de medio mundo. Coa música, coa poesía e a docencia andou por estes lares e por moitos outros, por Corcubión e a Costa da Morte, por Nigrán e a zona de Vigo, para regresar, asentarse e morar na Coruña, onde habita tamén a Real Academia Galega. Precisamente na Academia, na RAG entra en 1996, a proposta de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares Mouriño e Salvador García-Bodaño Zunzunegui, e séntase na cadeira que antes fora de Wenceslao Requejo Pérez, de Ramón Villar Ponte, de Julio Rodríguez Yordi e de José Trapero Pardo.

É poeta dende sempre. Magnífica e entrañable señora da palabra. Coas partituras, co piano, cos versos, coa pluma, a conversación e o seu saber facer, aos noventa e cinco anos, segue “servindo a Galicia por amor”, nestes tempos nos que aínda está presente, en moitos lugares de estudo, aquela revista de poesía e crítica, Nordés, que fundou e dirixiu, primeiro con Tomás Barros Pardo e despois en solitario, e que tanto lustre aportou á poesía e á literatura de Galicia.

Na propia Academia, na rúa Tabernas, foi homenaxeada polo seu aniversario. Un acto ben feito, ben organizado, participativo, merecido e moi emotivo, no que a poeta lembrou o seu primeiro libro en galego, en 1952, e falou das linguas, “todas boas, fermosas e necesarias para interpretar o mundo e o pensamento”. Agradecida cos participantes, de modo especial cos académicos que promoveron o acto, Luz Pozo Garza dixo sentirse feliz co agasallo de música, palabras bonitas, falares e cantares que aínda resoarán por tempo nos mares de Galicia.

Tamén a súa voz resoa con sabedoría, sinxeleza e harmonía, dando mostras de que, como moitos, é da patria dos bos e xenerosos, dos que arelan ver, entre todos, este grande espazo vital no que nos movemos, liberado de pesadelos, e arroupado cun manto de solidariedade e intelixencia, capaz de facer que o mundo sexa outra cousa, que a patria sexa común e común a súa defensa, falando, escoitando e razoando, en igualdade de oportunidades, como se fose o “tam-tam que percute nas conciencias”, aínda que sexa “dende o país da fame”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar