TVG, líder de audiencia cun 21,7% coa retransmisión dos fogos do Apóstolo

A retransmisión dos Fogos do Apóstolo do luns 24 na Televisión de Galicia acadou un 32,4% de share ás 23.56 h., facéndose co minuto de ouro, en que 268.000 persoas estaban vendo o espazo, e logrou unha cota de pantalla media do 21,7%. A TVG foi líder toda a xornada, tanto en entretemento coma en informativos, cun 12% de cota media no conxunto do día. Ademais, o “Telexornal Mediodía” foi o segundo programa máis visto do luns, e o informativo máis seguido, cunha cota do 23,8%.

O martes 25 de xullo, a TVG fíxose co liderado tanto en Galicia coma entre as canles autonómicas, acadando un 12,9% e contando coas emisións máis vistas na comunidade galega: os espazos informativos “Telexornal Mediodía” e “Galicia Noticias”.

Ademais, o espazo de entretemento “Sopa de Festa” foi o programa non informativo máis visto da xornada, cunha audiencia do 18,5%. Pola noite, a “Gala Especial do 25 de xullo” contou cun 13,6% de media. A retransmisión da misa e a película “Os Fenómenos” tamén destacaron polos seus bos datos de audiencia, xa que conseguiron un 12,5% e un 8,1%, respectivamente.

 

FACEBOOK LIVE

 

A canle pública tamén retransmitiu os Fogos do Apóstolo mediante o Facebook Live dos perfís da CRTVG e da Televisión de Galicia, unha ferramenta de reproducción de vídeo en tempo real da rede social, que rexistrou case 40.000 visualizacións e 128.400 persoas acadadas.

Ademais, a publicación tivo unha gran participación, xa que se compartiu máis de 1.100 veces, recibiu case 7.500 reaccións e foi comentada por máis de 550 persoas dende diferentes partes do mundo, que agradecían a opción de poder gozar dos fogos en directo.

A ferramente Facebook Live foi utilizada pola canle pública por primeira vez o sábado pasado coa emisión do triangular de fútbol do trofeo Isidro Silveira. As seguintes emisións tiveron lugar o día 24 de xullo pola mañá, coas Medallas de Galicia, e pola noite, a retransmisión máis seguida de todas, o espectáculo pirotécnico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar