Os Bolechas adican un libro a Carlos Casares

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acompañado polo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a representante da Fundación “Carlos Casares”, Lara Bacelo; o editor de Edicións Bolanda, Antonio Couto, e o director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel González, o libro dos Bolechas da colección As miñas primeiras Letras Galegas, dedicado a Carlos Casares, unha publicación na que colabora a Deputación de Ourense e que supón “unha excelente maneira de transmitir a nosa lingua, lembrando a memoria dun dos grandes das nosas letras, como é Carlos Casares”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial dixo que hoxe “damos un paso máis para seguir difundindo entre os máis xóvenes a figura de Carlos Casares”, e destacou que a Deputación de Ourense está a traballar con edicións Bolanda no que será o Museo dos Bolechas, “unha instalación que relacionará a infancia e a nosa lingua, e que será un punto de atracción que constituirá un referente interactivo, innovador e novidoso para promover a lingua galega entre os máis novos”.

As miñas primeiras Letras Galegas é a nova colección dos Bolechas destinada a dar a coñecer aos máis cativos os persoeiros aos se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas. Para iso, Pepe Carreiro converte un dos títulos do autor nun entretido conto no que o lector vai descubrindo quen é a personaxe ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas. Neste caso, o texto baséase nun conto do libro Vento ferido, de Casares, titulado A rapaza do circo, unha historia de amor entre un neno galego e unha rapaza francesa trapecista que chega á vila co circo. Algúns dos termos que aparecen nos fragmentos literais da obra orixinal de Casares son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. Ademais, a colección, que abrangue títulos protagonizados polas figuras de Rosalía, Curros, Ánxel Fole, Pondal ou Manuel María, inclúe unha breve biografía do autor homenaxeado en cada libro así como un repaso das súas principais obras.

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse en todo un fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.500.000 exemplares distribuídos, gozan de gran popularidade entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa. O seu éxito contribuíu “a que toda unha xeración de galegas e galegos se achegase á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida”, afirmou o editor Antonio Couto.

O director da RAG dixo que esta publicación sobre Carlos Casares “é un libro para ler os nenos e tamén os pais e avós, todos”, mentres que Lara Bacelo expresou que nesta publicación “vemos o que Casares pretendía: ser un escritor para nenos e maiores, que a súa escrita chegase a todas as idades”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar