Senda peonil entre A Lanzada e Portonovo

A Xunta puxo en servizo o primeiro treito da senda peonil e ciclista que unirá A Lanzada e Portonovo, de 2,7 quilómetros, que supuxo un investimento de 3,3 millóns de euros. Trátase da primeira fase dun itinerario que tamén supón a mellora de interseccións, a construción dunha glorieta en Soutullo e a dotación de zonas de aparcadoiro, unhas 200 prazas. Estas actuacións leváronse a cabo grazas a colaboración co Concello e cos colectivos veciñais, dos que se atenderon as súas solicitudes e demandas.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde, Telmo Martín, supervisou a posta en servizo das obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308 (A Lanzada-Soutullo).

Ethel Vázquez destacou que foron 15 meses de traballos que son exemplo do compromiso da Xunta, xa que, como se anunciou fai uns meses, remataron no tempo previsto, deixando a infraestrutura en pleno servizo e lista para uso e goce de veciños e turistas este verán.

Todo isto, a pesar dos contratempos aos que houbo que facer fronte no mes de febreiro por mor do temporal, que desprazou parte da pasarela na praia da Lanzada e que foi necesario repoñer e reforzar para que non se repita a situación.

A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico agradeceu a todos os colectivos a súa colaboración por ter rematado esta actuación tan necesaria en tempo e forma, achegando suxestións que hoxe son unha realidade.

Outros treitos

Na súa intervención, Váquez Mourelle destacou que, no pasado mes de abril, iniciáronse as obras do segundo treito da senda, o que une Soutullo e Major, un tramo de 1,2 quilómetros de lonxitude que conta cun investimento de case 1 millón de euros, no que se constrúe unha senda que terá un ancho mínimo de 2 metros e na que o deseño ten en conta a presenza de vivendas e o circuíto de karts.

Nestes momentos, a obra atópase executada nun 10%, xa que, nesta época, hai que ser máis precavidos pola intensidade do tráfico que rexistra esta estrada nos meses de verán. Ethel Vázquez insistiu que se priorizou a seguridade de veciños e turistas, pero o prazo de execución é suficiente, uns 12 meses, polo que estará rematada antes do vindeiro verán.

No caso do terceiro dos treitos, que continuará a senda de Major a Portonovo, está en fase de redacción de proxecto e podería iniciarse a contratación dos traballos este mesmo ano.

Por último, a conselleira de Infraestruturas insistiu en que desde a Xunta estase a apostar por un itinerario peonil e ciclista entre A Lanzada e Portonovo, que conta cun investimento global que se sitúa no entorno dos 6,5 M€, que están cofinanciados polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Esta actuación suporá un incremento da seguridade viaria, mellorará os desprazamentos a pé e en bicicleta dos veciños e contribuirá á dinamización turística dunha zona á que cada verán se achegan miles de visitantes para gozar do litoral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar