“Non renunciamos a Patria Galega”

Foi moito máis que unha consigna, que un berro reivindicativo, que un desafogo da carraxe… Foi un compromiso político inquebrantábel. “Non renunciamos a Patria Galega”, ecoou nas rúas de Compostela desde 1979 a 1984.
No 1978 as forzas autonomistas convocaban unha manifestación que remataba nunha praza do Obradoiro que lle negaran ao Bloque. Os nacionalistas ficaban na praza da Quintana e superábanos en manifestantes.
Ao ano seguinte, os partidos estatais xa non festexaron en Compostela o Día de Galicia, mentres que a manifestación do BN-PG desbordaba a capacidade da praza da Quintana, nunha das mobilizacións do 25 de xullo máis amplas da historia.
No informe do CESID de finais de xullo analizaba esta manifestación e propoñía impedir que o nacionalismo “patrimonializara” esta data e a cidade de Compostela, retomando o 25 como Día de Santiago, Patrón de España.
Estas recomendacións contaban tamén co apoio ideolóxico das forzas autonomistas e do Piñeirismo, que comezaran a difundir que a celebración nacionalista (o nacionalismo en si) non tiña razón de ser coa chegada da autonomía (“xa conseguimos as reivindicación coas que nin soñara Castelao”), e que esta data “debía ser de todos” e ter unha celebración institucional.
No 1980, xa lle prohibiron aos nacionalistas a entrada no casco histórico, cunha toma policial sen precedentes.
No 1983 sitúase o punto álxido da presión do estado español aos nacionalistas e o seu intento de borrar o Día da Patria e de expulsalos de Compostela: ano do desmantelamento naval, das grandes manifestacións operarias e agrícolas e das folgas xerais. Xa estaba o PSOE no poder e o ex PSG, Xerardo Estévez, no goberno de Compostela, que non tivo reparo en pór a policía local ao servizo da represión, dedicándose, entre outras actividades, a arrancar carteis, pancartas e bandeiras nacionalistas.
A marcha do 25 de Xullo rematou nunha praza de Galiza en obras, ante a imposibilidade de acceder ao casco histórico, cunha sentada que durou até as 18.12 h. cando a policía vida de Valladolid realiza unha carga salvaxe contra os presentes, sen distinguir a nenos, embarazadas ou persoas maiores. Os “saltos” estendéronse logo a toda Compostela.
Ao ano seguinte, o BNG recuperaba a Quintana e atópase agora tan azoso nesta praza que, aínda que lle quede pequena, teiman en non trocar, pois para eles xa é todo un símbolo.
Este ano a xornada reivindicativa do Día da Patria quedou, outravolta, nas mans dun BNG que comeza un tempo novo, cunha dirección que aínda non estaba naquelas reivindicacións dos anos setenta e oitenta, e cunha manifestación que xa se converteu en tradición mesmo para os non militantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar