Ofrenda floral a Manuel Fraga na sua Vilalba natal

O secretario xeral dos PPdeG, Miguel Tellado, participou este venres na ofrenda floral que, con motivo da celebración do Día de Galicia, os populares realizaron ante o busto de Manuel Fraga Iribarne en Vilalba, a localidade natal do fundador do partido. Neste acto, Tellado estivo acompañado da presidenta provincial do partido en Lugo, Elena Candia; o portavoz no Parlamento galego, Pedro Puy; o presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago; e o alcalde da vila, Agustín Baamonde.

Na súa intervención, o número dous dos populares subliñou que “para o PPdeG, Galicia é a resposta a todas as preguntas” e lembrou que “os nosos predecesores inculcáronnos que os nosos esforzos sempre deben centrarse en mellorar a nosa terra e servir aos nosos veciños”.

O secretario xeral explicou que o galeguismo é o trazo ideolóxico diferencial do PPdeG, e definiuno como “a reivindicación dunha terra que ten a capacidade de ser próspera, de producir por si mesma e de adaptarse coma calquera aos novos tempos”, fronte aos que o entenden como “a reivindicación dun país que se reprega sobre si mesmo”. Neste mesmo sentido, convidou a que sexa entendido “desde a apertura ao exterior e a vontade de cooperación cos que están ao lado e cos que están lonxe”, e non “desde a confrontación ou o rexeitamento ao diferente”.

Sobre isto, destacou que “cremos humildemente que esta visión do país é compartida pola maioría dos galegos de hoxe, igual que foi compartida polos de décadas pasadas” que sempre respaldaron maioritariamente os proxectos que os populares lles propuxeron.

O MELLOR DOS FUTUROS POR DIANTE

Tellado valorou á nosa Comunidade como “unha terra co mellor dos futuros por diante, que encara as dificultades con valentía e ve as oportunidades con optimismo”. Así, ilustrou este argumento coa capacidade que tivo para repoñerse da crise ata conseguir que a economía creza a un 3% e o paro descenda a un ritmo do 10% anual.

Ante estes feitos, remarcou a aposta que fan os populares pola “xestión seria e rigorosa”, e que levaron recentemente a que Galicia poida contar con 230 millóns de euros máis para investimentos e servizos sociais. “Traballamos cada día para mellorar as institucións, igual que as familias traballan día a día para mellorar o futuro das xeracións vindeiras”, insistiu.

O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA

O secretario xeral concluíu a súa intervención subliñando que “a frase de que o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é moito máis que un slogan”, apuntando que “é a constatación dunha filosofía e dun xeito particular de entender a política e o servizo público”.

Na antítese desta idea colocou a “aqueles que se din nacionalistas, e os que din que son ‘a xente do común’”, porque entende que “non queren parecerse a Galicia, queren que Galicia se pareza a eles”. Así, reprochoulles que “non queren poñerse ao servizo de Galicia, senón que queren que Galicia se poña ao servizo dos seus intereses e do seu sectarismo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar