Arte na Ribeira

 Un grupo de de artistas galegos de nome, e algúns deles de renome, xuntáronse para facer unha exposición, AAN in ART, e contribuír co recadado polas vendas aos fondos da Fundación Artiaga, que se ocupa da protección e amparo dos animais que precisan asistencia. A Fundación e a iniciativa están promovidas polo profesor e artista Xosé Artiaga, un home de “emocións contidas”, profesor en Vilagarcía, natural de Mondoñedo e namorado da Ribeira Sacra. Alí, precisamente, ao carón do Miño e da ribeira, na casa de Xosé I. Figueroa Lorenzana, Xosé do Pacio, do Pazo de Sabadell, están expostas as obras que integran a colectiva, dispostas para que o mundo as vexa falando e escoitando normalmente á natureza.
Xúntase aquí, arte, traballo, cultura e vida, solidariedade e miradas amorosas para os cadelos, para tantos cans que, se non hai quen os coide, morren rabiosos coa fame e con tristura. Xosé Vizoso, Daniel Caxigueiro, Miguel Monasterio, Carmen Algara, Mar Barral, Ignacio Basallo, Manuel Bernal, Tono Carbajo, Luis Fega, Carlos De Gredos, Ana DMatos, Ana Gil, Xoán Guerreiro, Mauro Leivas, Carmen Llonín, Xoán Lomarti, Aurelio Lorenzo, Eva Monroy, Susana Pazo, Peña Romay, Juan Sierra, Paola Soriano, Enrique Tenreiro e Cristina Villegas son dos artistas que, xunto a Artiaga, unen as súas mans para facer arte e para que os dun lado e os do outro do Río constrúan pontes e pasen libremente por elas cara a onde vaian.Pontes como raias de silencio e de aceiro inoxidable, que van tecendo paisaxes pola ampla Ribeira Sacra de Lugo e de Ourense, un espazo natural nas ladeiras do Sil e do Miño, nos arredores dos embalses, en terras cultivadas polos romanos e polos paisanos traballadores, pertencentes ao grupo dos que fan cultura co esforzo, tecendo monumentalidade e arte, entrelazando mosteiros, espectacularidade, igrexas e costumes.
Para unha mirada a esta Ribeira, que queremos como Patrimonio Mundial Cultural e Natural, cómpren camiñadas polos seus andares, polos camiños e corredores, polas serras e polas ourelas dos regatos, polos costumes, polos soutos, prados e carballeiras. Manuel Garrido, se queren, axúdanos gustoso neste labor coa súa magnífica guía práctica, que non deixa palmo desta terra sen bicar. Noraboa, amigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar