A Deputacion de Ourense ofrece aos concellos a recollida de aceite doméstico

A comisión informativa de Medio Ambiente abordará na súa reunión de mañá xoves o convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación por parte da Deputación, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de aceite de orixe doméstica.

En virtude deste presente convenio, os concellos que se adhiran delegarán na Deputación Provincial o exercicio das competencias de ordenación, xestión e prestación do servizo de recollida de aceite de orixe doméstico. As competencias deste convenio comprenderán a ordenación do servizo, incluíndo o establecemento ou modificación das súas condicións de prestación e a elaboración e aprobación, de ser o caso, da correspondente ordenanza reguladora, así como a xestión do servizo de forma directa coa colaboración de unha empresa especializada mediante un contrato de servizo.

Tamén contempla o convenio a instalación de colectores aptos para o depósito directo de botellas e envases de ata dous litros de aceite usado de orixe doméstica ou asimilado na vía pública, no lugar previamente concertado con cada concello. Tamén se establece a planificación do servizo, coa recollida e transporte do contido dos colectores así como a súa limpeza, conservación e mantemento integral e o seu destino para a elaboración de biocombustible homologado ou outros produtos mediante a entrega a un valorizador autorizado, e a realización de campañas de información e concienciación medioambiental entre a poboación.

Por outra banda, tamén mañá xoves, a comisión de Cultura abordará a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación de Ourense. Trátase dos libros: O farmacéutico de Cortegada Xosé Ojea (obra en coedición coa RAG), e Do meu nome e outras trapalladas (Premio “Pura e Dora Vázquez”), do que é autor Antonio Yáñez Casal.

A comisión de Cultura tamén abordou a fixación de prezos das Escola Provincia de Danza para o curso 2017-2018, cuxa programación abrangue baile e canto tradicional, pandeireta, música para grupos de acompañamento de baile tradicional, obradoiro de xogos populares e taller de tecido tradicional.

Hoxe mércores, a comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía tratará o Informe da Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, do Consorcio Provincial do servizo contra incendios e salvamento e do Consorcio de Augas de Valdeorras, correspondente ó exercicio 2016, así como o Plan económico financeiro por incumprimento da regra de gasto na liquidación de 2016 deste último organismo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar